Comeza a campaña de vacinación coa Sputnik V en Gaza

A faixa costeira baixo bloqueo de Israel comezou hoxe a inocular a súa poboación tras a chegada das primeiras vacinas, unha cantidade moi pequena lonxe da necesaria para cubrir toda a súa poboación e que contrasta co ritmo que leva Israel, potencia ocupante en Palestina que xa puxo dúas doses a un terzo dos seus habitantes.
EuropaPress_3575131_22_february_2021_palestinian_territories_gaza_city_palestinian_medic
photo_camera Unha enfermeira subministra a vacina rusa contra a Covid-19 a un médico, hoxe na Cidade de Gaza (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

A faixa de Gaza iniciou esta segunda feira a súa campaña de vacinación despois da chegada das primeiras vacinas ao territorio costeiro baixo bloqueo israelí. Traballadores dos servizos médicos foron inoculados coa vacina rusa Sputnik V diante de ducias de cámaras de TV. 

Nas próximas horas máis profesionais médicos e pacientes con enfermidades crónicas recibirán o fármaco. O proceso de inoculación "terá como resultado maior inmunidade entre a xente e permitirán reducir a expansión da pandemia", afirmou o portavoz do Ministerio de Sanidade, Ashraf Al Qedra.

A área recibiu só 22.000 doses das vacinas contra a Covid-19, unha diminuta porcentaxe da cantidade necesaria para inmunizar os dous millóns de persoas que habitan na Faixa de Gaza, incluídas arredor de 1,4 millóns maiores de 18 anos.

A carencia de vacinas tanto en Gaza como en Cisxordania contrasta co ritmo de vacinación de Israel, potencia ocupante, que agarda ter inmunizada case toda a súa poboación adulta nas vindeiras semanas. Até o momento, aproximadamente un terzo dos 9,3 millóns de habitantes con que conta Israel xa recibiron dúas doses da vacina de Pfizer/BionTech. 

Críticas de Nacións Unidas

Esta disparidade chamou a atención da desigualdade a nivel mundial da distribución da vacina contra a Covid-19 entre os países pobres e os países ricos. Desde Nacións Unidas e diversos grupos de dereitos humanos chamaron a atención sobre estas disparidades e das obrigas de Israel de axudar os palestinos. Porén, o Goberno israelí deféndese sinalando que baixo os acordos de paz asinados ─concretamente, os de Oslo─ é a Autoridade Nacional Palestina (ANP) a responsábel deste labor. Neste sentido, afirma que vacinou a súa propia poboación árabe.

A ANP leva tempo pelexando para asegurar o acceso ás vacinas. Até o momento conseguiu só 2.000 doses de Israel para os traballadores médicos de Cisxordania e outras 10.000 doses de Rusia. A semana pasada logrou que 2.000 doses da Sputnik V chegasen a Gaza despois de que o cargamento estivese bloqueado na fronteira israelí durante varios días.

Bloqueo arbitrario

A ministra de Sanidade palestina, Mai Al Kaila, cargou o pasado 15 de febreiro contra as autoridades de Israel por este bloqueo na entrega das doses, destinadas á vacinación de traballadores sanitarios en Gaza, nomeadamente especificou para os profesionais nas unidades de coidados intensivos. Así, reprochou a Israel o que describiu como unha postura "arbitraria".

Gaza, con máis de 54.000 contaxios por coronavirus e 543 mortes, está baixo bloqueo israelí-exipcio desde que Hamas accedeu a controlar o territorio en 2007. Al Qedra declarou que agarda a chegada de máis vacinas nos vindeiros días.

Así mesmo, Al Kaila confirmou onte que durante as últimas 24 horas se certificaron 1.272 casos e oito falecidos en Cisxordania e en Gaza, sen que haxa datos de Xerusalén Leste, tal e como recolleu a axencia palestina de noticias WAFA.

Doazón de vacinas desde Emiratos Árabes Unidos nun escenario electoral

As 20.000 doses chegadas o domingo a Gaza procedentes dos Emiratos Árabes Unidos permitiron iniciar a vacinación. A remesa chegou a través do paso fronteirizo con Exipto de Rafah, grazas á mediación de Mohammed Dahlan, rival do presidente palestino, Mahmoud Abbas, exiliado en Abu Dabi. Dahlan é ademais un disidente do movemento Fatah. 

A entrega chega no medio dun contexto político moi movido nos Territorios Palestinos, coas primeiras eleccións lexislativas en 15 anos previstas para maio. Dahlan, excluído do Comité Central de Fatah acusado de corrupción, asegurou que fará "todo o posíbel para enviar máis cargamentos de vacinas e equipamento médico".

A Autoridade Palestina espera tamén a chegada este mes dun cargamento de 37.000 doses a través do mecanismo Covax da ONU.

Comentarios