O comercio, por riba da industria en concursos de acredores

A falta de pagamentos aos acredores pola delicada situación que atravesan motivou que o pasado ano acolléranse á figura do concurso de acredores preto de 300 familias e empresas na Galiza. 
As quebras afectan máis ao comercio que á industria (Arxina).
photo_camera As quebras afectan máis ao comercio que á industria (Arxina).

asado ano, o número de empresas e familias en quebra acadou un total de 296, unha cifra 11,7% superior á rexistrada en 2018, no que se contabilizaron 265. O incremento cuadriplica o da media dos territorios do Estado español, que foi de 3% en 2019.

Estes son algúns dos datos publicados nos últimos días polo Instituto Nacional de Estatística, que se se analizan polo miúdo reflicten unha preocupante situación de sectores como o comercio ou a industria, que son os que máis recorreron a esta figura legal ante a imposibilidade de afrontar os seus pagos e débedas.

Do total de empresas en concurso, (232, xa que 64 concursos corresponden a familias), 58 delas corresponde aos grupos de comercios maioristas (30) e comercios minoristas e de vehículos (28), namentres a industria rexistrou un total de 43 concursos o pasado ano, 21 deles correspondentes á categoría de bens intermedios, 14 á de bens de consumo non duradeiros, e 4 nas categorías de bens de capital e bens de consumo duradeiro.

Empresas como Vulcano, Isidro 1952, o Clube Financeiro Atlántico da Coruña ou, máis recentemente o estaleiro vigués Hijos de J. Barreras presentaron, ou estiveron a piques de facelo, o concurso de acredores, que en moitos casos, como é o de Vulcano, remata na liquidación e feche da compañía. Noutros, como no de Barreras, un acordo coas clientas as que se lles deben os cartos logra salvar in extremis a entrada na fase definitiva de resolución. 

A crise do ladrillo

Por detrás de industria e comercio emerxe o sector da construción. Rexistrou 33 solicitudes de concurso o pasado ano, das que 17 corresponden a empresas de edificación e promoción inmobiliaria. Moitas delas arrastran a súa delicada situación financeira dos anos da burbulla inmobiliaria, e iso a pesar da reactivación do mercado e o crecente número de novas promocións en marcha, sobre todo no entorno das grandes cidades.

A loxística e distribución está detrás doutros 12 concursos dos presentados o pasado ano na Galiza, aínda que foron máis numerosos en sectores como as actividades profesionais, con 18, o resto de servizos, con 16, e a hostalería, con 14. Xa a máis distancia en canto a número de declaracións de insolvencia estarían as empresas de administración e servizos auxiliares (8), de información e comunicación (6), de agricultura e pesca (4), ou de enerxía, sector no que só unha empresa acolleuse o pasado ano ao concurso de acredores. As 14 sociedades restantes quedarían sen clasificar.

Pola tipoloxía das mesmas, os concursos en sociedades limitadas acadaron os 194 (29 máis que o ano anterior), ás que hai que sumar 13 sociedades anónimas, 19 empresas de persoas físicas e seis doutra tipoloxía. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios