Imprimir

Os comedores escolares de verán "estigmatizan" a pobreza, segundo o COTSG

D.A. | 19 de xuño de 2015

[Imaxe tamarcolectividades.com]
[Imaxe tamarcolectividades.com]

O Colexio insta a desenvolver accións integrais desde os servizos sociais dos concellos que combatan o empobrecemento.

 

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza (COTSG) pronunciouse a respecto da abertura dos comedores escolares no verán como medida para paliar as carencias alimentarias das crianzas nos meses de verán. 

Segundo a presidenta do COTSG, Marta Capeán, esta iniciativa é unha "má solución" ao problema da pobreza que atinxe Galiza e tildou de "parche" a iniciativa. 

"A pobreza non só existe no verán", sinala Capeán, sendo que se existen crianzas con carencia alimentar "é porque hai familias pobres que carecen de recursos e que tamén teñen dificultade de acceso aos servizos públicos eseciais". 

Axudas "reais, efectivas e rápidas"

Neste senso, desde o Colexio instan a desenvolver medidas integrais desde as áreas de servizos sociais municipais para posibilitar que as crianzas "poidan comer na súa casa xunto coas súas familias". E é que, asegurou Capeán, a abertura dos comedores escolares "estigmatiza os pobres e atenta contra a dignidade dos nenos e nenas".

"A pobreza non só existe no verán", sinala Capeán, se existen crianzas con carencia alimentar "é porque hai familias pobres que carecen de recursos e que teñen dificultade de acceso aos servizos públicos"

En troca, defenden o incremento da "partida de Axuda de Emerxencia Social ou dos fondos municipais para axudas de emerxencia", á fin de que estas medidas sexan "reais, efectivas e rápidas", non demorándose na súa tramitación e adxudicación pois, advirten, "a situación en moitos casos é límite". 

Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza parabenizaron a decisión do goberno de Compostela que anunciou non abrirá os comedores escolares mais que atenderá as necesidades das familias con menos recursos dende política social. 

Da mesma maneira, ven como "moi positiva" a proposta do PSOE coruñés de crear un "talón restaurante infantil" destinado a aquelas crianzas que contan cunha bolsa de comedor durante o curso académico. 

Destarte, animaron os demais gobernos locais a "facer o propio". 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/comedores-escolares-veran-estigmatizan-pobreza-segundo-cotsg/20150618214353038388.html


© 2020 Nós Diario