Opinión

Coma sempre

[Xesús M. Piñeiro]

Dous sindicatos, CIG e UXT, presentaron os seus respectivos informes sobre a situación laboral da muller na Galiza nun ano, 2020, marcado pola pandemia. As conclusións son tan contundentes como preocupantes: 77% do emprego destruído na Galiza foi feminino, a fenda salarial supera o 21%, deixando de percibir as mulleres galegas 2.721 millóns de euros ao ano. A muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para se dedicar aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento: 10.200 mulleres máis dedicadas a ‘labores de  fogar’ que en 2019.

De novo unha crise e de novo as mulleres volven ser as que máis a sofren e as que teñen que acabar ‘apandando’ coa maior parte da factura. Coma sempre. Unha pandemia que alargou a fenda entre a situación das mulleres e dos homes no mercado laboral, mais que tamén alargou a fenda entre a situación na Galiza e no Estado español: as galegas perciben un 8,14% menos de salario por hora traballada que as mulleres do resto do Estado e un 7% menos de salario medio anual.

A pandemia volve evidenciar, pois, a dobre explotación que sofren as mulleres, tanto no traballo asalariado como nos fogares.

Comentarios