Opinión

Colombia: a primeira vítima da guerra

Resultou sorprendente que gañara o non no plebiscito polo acordo de paz en Colombia. Tamén foi unha sorpresa que se alcanzase ese acordo entre as FARC-EP e un presidente co historial de Santos, ex ministro de Defensa na etapa máis sanguenta do uribismo. Durante o seu ministerio aconteceu o escándalo dos chamados «falsos positivos» polo que o Exército colombiano fixo desaparecer (asasinou) máis de mil civís facéndoos pasar por guerrilleiros para poder cobrar recompensas. Da súa época no ministerio é o ataque e asasinato, violando territorio ecuatoriano, de Raúl Reyes e a posterior intoxicación mediática de supostas informacións atopadas no computador que implicaban a Venezuela, a ETA… etc.   Pero aí están os feitos, tanto as FARC-EP coma o Estado colombiano fixeron unha aposta arriscada e valente na cal se proclamaba a paz sen vencedores nin vencidos.

E, se cadra, o plebiscito co seu non encargouse de lembrarlle ao Goberno colombiano e ás Farc que en Colombia o perdedor é o pobo colombiano.

Tanto as FARC-EP coma o Estado colombiano fixeron unha aposta arriscada e valente na cal se proclamaba a paz sen vencedores nin vencidos

Aqueles que sinalan a Santos como responsábel desta perda no referendo, supostamente por andar moi fachendoso e outorgar «facilidades» de inserción á guerrilla, esquecen que todas esas «facilidades» de reinserción en Colombia non garanten acabar cun tiro ao cabo de anos. Velaí os membros reinseridos do M19, mortos ou feridos na súa «reinserción».

Tampouco cómpre esquecer que a paz é custosa. Os mesmos que critican a Santos, como o ex presidente Pastrana, esquecen a súa concesión ás FARC-EP de San Vicente del Caguán, un territorio de 42.000 Km², equivalente á área de Suíza, para comezar as conversas de paz entre 1998 e 2002.

O pobo colombiano non foi protagonista destes intentos de paz. Bótase en falta a participación dos «desprazados» decenas de miles deles na fronteira colombo-venezolana ou deambulando e pedindo esmola nos semáforos de Bogotá. E se aqueles que máis sufriron o conflito non tiveron voz, pero si voto, non é lóxico que estean na súa contra?

Se aqueles que máis sufriron o conflito non tiveron voz, pero si voto, non é lóxico que estean na súa contra?

Chegou un momento en Colombia en que o pobo colombiano xa non podía distinguir entre o bo e o malo, entre o aliado e o inimigo, entre o defensor e o atacante. 

Colombia é un país libanizado en que a violencia do narcotráfico e o paramilitarismo, pasando pola delincuencia común e a das forzas de seguridade do Estado, nacían de todas partes e asañábanse cos máis pobres.   

O non a este tratado non é un non á paz senón, se cadra, ás maneiras, e todos sabemos que se hai un pobo no mundo que sabe gardar as formas, mesmo para matar, ese é o colombiano.

Comentarios