Como dicilo?

Colo, por Henrique Harguindey

colo

Preguntáballe un día a un seu colega unha pediatra nicaraguana temporalmente en Galiza : "Que es lo que las madres les dan aquí tanto de comer a sus hijos ? Que es eso de colo ?  Porque claro –me dicen ellas- el niño me pide colo, no quiere más que colo, y yo… le doy colo !". A benquerida e valente Mirna levou unha boa sorpresa ao saber o que era.

Efectivamente, colo é unha palabra moi definitoria da nosa relación materno-filial e aos galegos e galegas tráenos un arreguizo de bicos e agarimos. É unha das nosa palabras máis características. Tan nosa se foi facendo que excluiu, na práctica, entre a poboación  de orixe galega (mesmo se fala castelán) o vocábulo regazo. Moitas persoas hanse sorprender ao saberen que estoutra palabra é tan galegoportuguesa como española.

Colo –que tamén existe con este sentido en portugués- é definido polo dicionario en liña da Academia Galega como :

         

1 Especie de asento, á altura do peito, formado polas mans e os brazos, ou ben entre a cintura e os xeonllos, cando se está sentado.

Colle o neno no colo.

O neno ía, no autobús, sentado no colo da nai.

SINÓNIMO regazo

2 Parte do corpo que une a cabeza co tronco.

Inflamóuselle o colo á vaca de tanto rozarlle o xugo.

OBSERVACIÓNS: Esta acepción primaria foi practicamente desprazada pola forma pescozo, particularmente tratándose de persoas, mentres colo se especializou na acepción anterior

Engadamos nós que a acepción orixinal da palabra é a segunda, e que a primeira é unha derivación dela. Reparemos –para nos decatarmos  ben- en que habitualmente un pequerrechiño ou pequerrechiña (un neno/nena de colo), para se sentir en seguridade, bota o brazo ao pescozo, ao colo da súa nai ou da persoa que o leva.

Continuemos co dicionario da RAG:

3 Por extensión. Parte de certas pezas de vestir que rodea o pescozo.

O colo da camisa.

4 Por extensión. Parte máis estreita dalgúns órganos ou recipientes.

O colo dunha botella.

SINÓNIMO gorxa CONFRÓNTESE vinca

O colo do útero.

Dos distintos significados de colo derivan as palabras colar (‘peza de adorno, de protección ou de amarre de persoas e animais que rodea o pescozo’,’zona das pezas de roupa que rodea o pescozo’ e tamén denominación galega equivalente do castelán solapa), colete (‘peza de vestir sen mangas que se pon xeralmente por riba da camisa’), coleiro (‘cesto alto, moi utilizado na vendima, que se carga  rente ao pescozo’) e mais coligada (‘golpe dado no pescozo coa man’).

Debemos sinalar un par de locucións relacionadas: darlle colo a unha botella (ou recipiente similar) é inclinala deixando pasar ben o aire para permitir a saída do líquido ;  dicir alguén algo para o seu colete é falar consigo mesmo (en castelán decir para sus adentros, para su fuero interno)

E en vez do españolismo colleja (derivado de cuello) utilicemos coligada (equivalente exacto noso) ou outros sinónimos : calugada, gulifada, pescozada ou pescozón, este último termo tan galego como portugués ou español.

            Mais no remate é obrigado lembrarmos de novo o aloumiño da nai :
 

            Durme, meu roliño, durme,

            durme, durme, meu rolo,

            e cando despertes dime

            se hai berce como o colo

Comentarios