"O colmo do cinismo", afirma Cuba, novo "país terrorista" para os EUA

A medida de Washington abre a porta á adopción de máis sancións e dá carpetazo ao aperturismo iniciado na etapa de Barack Obama na Casa Branca.
EuropaPress_2434366_20_october_2019_ireland_dublin_cuban_president_miguel_diaz-canel_walks_in
photo_camera O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, nunha visita a Irlanda en outubro de 2019 (Brian Lawless / PA Wire)

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, expresou a súa "firme e absoluta" condena á inclusión da illa na lista dos EUA de países patrocinadores do terrorismo, unha medida que considera "o colmo do cinismo" por parte do Goberno de Donald Trump.

Washington xustificou a medida no apoio cubano a guerrilleiros do Exército de Liberación Nacional (ELN) colombiano ou a persoas buscadas por graves delitos, como a 'panteira negra' Assata Shakur, acusada de asasinar un militar dos EUA en 1973.

Díaz-Canel reaccionou onte en Twitter sinalando que o bloqueo imposto polos EUA a Cuba xa é en si "terrorismo de Estado". "E no colmo do cinismo, os terroristas e inmorais da Administración Trump acúsannos de patrocinar o terrorismo", ironizou.

Sumouse así a outras veces como a do ministro de Exteriores, Bruno Rodríguez, que cualificou igualmente de "hipócrita e cínica" a medida estadounidense. Na súa opinión, "o oportunismo político desta acción é recoñecido por todo o que teña unha preocupación honesta ante o flaxelo do terrorismo e das súas vítimas".

Aperturismo de Obama

O Ministerio, nunha nota máis ampla, admitiu que desde hai meses "se vén especulando" coa medida, que sitúa Cuba, a ollos de Washington, ao nivel de Siria, Irán ou Corea do Norte. Abre a porta á adopción de máis sancións e dá carpetazo ao aperturismo iniciado na etapa de Barack Obama na Casa Branca.

A Habana considera que os EUA se arrogan competencias "sen mandato ou lexitimidade ningunha" co obxectivo de castigar os países "que se resistan a dobregarse aos caprichos do imperialismo estadounidense". É, engadiu, "un acto soberbio dun Goberno desprestixiado, deshonesto e en bancarrota moral".

Ademais, salientou "a política oficial e coñecida" de Cuba, "contraria ao terrorismo en todas as súas formas e manifestacións". 

Comentarios