Opinión

Coller

Abofé que nos cabrea que a policía “non ten por que coller denuncias en galego”. Tampouco a garda civil. Soamente en castelán. A quen lle pase, irá para a casa co rabo entre as pernas, ou na fura de diante? Velaí o divinamente que funciona a normalización da nosa lingua. E o Goberno do Estado vén de parabenizar ao de “en” Galicia por facelo ben.

Cales serán as valoracións para tal afirmación? Que entenden por normalización das linguas nacionais? Falan de bi ou trilingüismo (ou cóntanllelo) e pensan que xa é unha realidade. Saben en Madrid as actitudes negativas, os argumentos pobres, o de a contracorrente todos os días, que case nada está feito a prol da normalización da nosa lingua. Míreno antes de falar e se nos respectan, noten como sufrimos a marcha atrás, tan faesmente dirixida, e accionada polo Goberno “en” Galicia. Queren levarnos sedados a un suicidio asistido. As afirmacións que fan da valía normalizadora da nosa lingua son trampas postas en emocións ensaiadas de véspera (ai, GaliciaGaliciaGalicia de los “míos amores”).Coñecémolos.

Débese intervir para que collan o que entreguemos. O respecto non é rendición, aínda que certo “sentidiño” a dea por feita. Temos lingua. Igual que calquera outra. Ela é o medio natural que nos determina. Nela sentimos a pertenza. Na identidade e con conciencia. A maldade por nos negar, xunto coa incompetencia de nos gobernar, producen unha mestura moi perigosa. A historia non se escribe sacando a dignidade de ningún pobo. A normalización da nosa Lingua indica a nosa liberdade. Ela arestora está chea de dolor. Teñan por que coller. 

Comentarios