O centro educativo plurilingüe Calasancio de Pontevedra vén de fechar as súas instalacións após detectarse un gromo da Covid-19 entre o seu cadro de persoal cando o curso xa comezara neste nivel do ensino. De momento sábese que hai unhas 8 persoas contaxiadas.
A información foi distribuída pola propia dirección do colexio, que enviou unha comunicación ás familias. Ademais, avanzouse que a actividade docente retomarase o martes, pero xa cun carácter telemático.
As probas serolóxicas realizadas a todo o profesorado deran negativo, o pasado 8 de setembro, pero dous docentes empezaron a desenvolver síntomas compatíbeis co virus xusto un día despois.
Ambos sometéronse a probas PCR que confirmaron o positivo dun deles. A partir de aí, trasladáronselle os datos as familias do alumnado dos cursos implicados o venres pola noite.
Ante a situación realizáronse probas PCR a todo o persoal do centro, tanto docentes como de limpeza, administración, secretaría e comedor, e oito deles resultaron positivos.
O centro informou e entregou toda a información ás autoridades sanitarias para realizar o rastrexo dos casos e mantense en contacto coa inspección e o xefe territorial da Consellaría de Educación, ademais de co Servizo Epidemiolóxico da Galiza.
De momento, o colexio fechou as súas portas e suspendeu a actividade lectiva, aínda que xa activou o protocolo para volver ás clases o martes.