Con motivo do 6-D

Colectivos independentistas reclaman a autodeterminación de Galiza

Ao pé da cruz fascista que se erixe no Castro, en Vigo, colectivos independentistas apelaron á superación do réxime do 78 e a reivindicaron a autodeterminación de Galiza.

[Imaxe: Galizacontrainfo]
photo_camera [Imaxe: Galizacontrainfo]

Un total de 17 organizacións e colectivos sociais reclamaron esta cuarta feira, 6 de decembro, o exercicio unilateral do dereito de autodeterminación e reivindicaron a República Galega, “unha vez que, segundo mostra con absoluta claridade o procés catalán, é constatábel a imposibilidade de democratizar o Estado español nesta dirección”.

Fixérono cando se cumpren 39 anos do aniversario da “constitución neofranquista española”. Reclamaron, así, superar o marco do réxime do 78 que “nos abafa como clase, xénero e pobo”. “Acreditamos en que unicamente a posesión do noso propio Estado garante as condicións mínimas esixíbeis para abordar con garantías e vocación resolutiva as principais problemáticas que enfronta o pobo galego”, sinalaron

O acto, que se concibiu como unha convocatoria para denunciar explicitamente o actual cadro constitucional e para facer un balanzo crítico do ciclo autonómico, tivo lugar ao pé da cruz fascista que se erixe no Castro, en Vigo, onde as e os independentistas formaron un mosaico no que se podía lei “Abaixo o réxime español do 78. Autodeterminación. República Galega”.

As entidades convocantes foron Asociación Cultural Arrulique (Vigo), Asociación Jimmy Sempre com Nós (Crunha), Assembleia Nacional Galega (ANG), Briga, CausaGaliza, Ceivar, Centro social Faisca (Vigo), Centro social Fuscalho (Guarda), Centro social Mádia Leva! (Lugo), Centro social Revolta (Vigo), Centro social Xebra (Burela), Colectivo Nacionalista de Marín (CNM), GalizaLivre, portal informativo, Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia (Vigo), Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado, Que Voltem para a Casa! eTerra Liberada.

Comentarios