Opinión

Coche de liña cara á permanencia do Lugo

Escribo este artigo dende o último lugar da liña que vai dende Madrid a Lugo. Xa é madrugada e son incapaz de durmir nesta quilométrica marcha que utilizamos os galegos sen eficiencia ferroviaria para aproveitar o máximo tempo na casa. Veñen por diante días de descanso para a maioría. Para os seareiros do CD Lugo, unha nova corrente de tensión. Un encontro fronte ós ollos contra outro dos capos da categoría, o Granada. E só vale gañar ou puntuar. Nada máis. 

Dóenme as costas nesta lavadora de sentimentos na que un viaxeiro aproveita para falar co seu Ecuador natal, valéndose do cambio horario. Outro permítese un ioga espectacular ocupando dous asentos con posturas nunca antes coñecidas. Preto, un home dorme tan relaxadamente que incorpora ó fío musical un bruar ben ronco. E logo estou, pensando que todo o meu estado de ánimo deste feriado se sitúa no sábado ás 16:00 no Anxo Carro. 

Cando lembro o 0-4 do Córdoba, os bocados do bocata de máquina sábenme a ambrosía. Un triunfo que puxo fin á folga de fame de triunfo que duraba meses. Chegou no intre exacto. Contra un rival directo, fóra da casa e despois de que o Extremadura, inmediato perseguidor albivermello, conseguise un triunfo inesperado (ou non) contra o Málaga. 

En canto vexo a clasificación, a exigua fronteira dun punto devólveme á realidade. E até as rectas de Castela me marean. Poño ó límite o aire acondicionado para sobrevivir ás horas que me quedan. Síntome entón como Monteagudo, o capitán da nave luguesa, ó que a última vitoria lle serviu para frear ó verdugo que xa puxera a súa cabeza na guillotina. Apuntando directamente ós ollos da testa descolgada do seu predecesor Javi López.

Chega entón esa parada no medio da nada nunha praza que se chama Villalpando. Unha vila zamorana da que desgrazadamente só coñezo a súa estación de servizo e as súas napolitanas. Petisco cocho pero que serve para aturar o que queda de camiño. Penso entón no que boto de menos os finais insulsos, sosos e sen nada en xogo de cursos anteriores. Os mesmos que maldicía pola falta de ambición de equipos que facían primeiras voltas que nos enchían de falsas oracións. 

Son as catro da mañá e por fin me durmo. Soño coa rendición do Granada fronte ó ímpeto dun equipo que por fin sabe o que é gañar dous partidos seguido. Ó que lle dura o combustible os 90 minutos e, coa axuda do Deportivo, pon catro de por medio co Extremadura do galego Manu Mosquera. Este, preso da morriña herculina, faise un harakiri en Riazor. Esperto ó entrar en Ponferrada, unha chegada con mil curvas que me volve lembrar que o queda é duro e aleatorio. 

Por fin o Alsa de Noé, con parellas de moitas vilas galegas, atravesa o Cebreiro. Gustaríame entón botar un conxuro que hipnotice a tódalas vilas polas que pasa o autocar. Oxalá un representante de cada parroquia no campo esta fin de semana. Que saia dunha vez a representación durmida de todos aqueles que recibiron un carné e non o usan. 

Vexo unha bandeira do Lugo nun balcón e o peito fáiseme grande. Leo na prensa local unha reportaxe sobre o debut de Álex Rey, do Polvorín, co primeiro equipo no Arcángel. E o peito ten aínda máis capacidade. Xa estou chegando. E vexo ó lonxe o único templo coa única haxiografía que sempre lembrarei. Calmo, escuro e adormecido. Unha tríada oposta á que vivirá este sábado de paixón, outra xornada para deixarse pinga a pinga a sangue. Xuntos, xogadores e afección.

Comentarios