Opinión

Coa soga ao pescozo

[María Obelleiro]

Segundo os sindicatos, un 80% dos mestres e mestras de Infantil e un 60% das de Primaria viron impedido o seu dereito a secundar a folga que convocaran para pedir unha volta ás aulas presencial e segura. Os servizos mínimos inauditos impedírono. Malia iso, "normalidade" foi a palabra de orde do Goberno de Feixoo. Quizais a Consellaría de Educación non viu pancartas e cartaces en colexios nin mestras e mestres vestidos de negro. Quizais non soubo que ao pé das dependencias de San Caetano ducias de profesoras e profesores pediron máis recursos para o retorno aos centros de ensino.

Posibelmente lles pareza tamén normal que unha nutrida representación de directoras e directores de institutos e de centros de FP de Compostela, Pontevedra, A Coruña e doutros puntos da Galiza esixan adiar o inicio do curso porque ven imposíbel comezar o día 16. Teñen que mellorar, como é obvio, as medidas de seguridade para garantir a distancia mínima. Mais non dispoñen de espazo nin de profesorado. Seguen á espera dunha resposta por parte da Xunta, que continúa a improvisar. Quizais non sabían desde marzo que a volta ao cole era en setembro.

Comentarios