Opinión

Coa música a outra parte

Cando lemos unha noticia titulada “A música galega vólvese internacional”, creo que todos pensamos en “Ai, que ben que a un alemán lle gusta a muiñeira!”. E se eu che dixese que non significa iso?

Hai tres anos, unha banda de música descritiva nada no 1830 en Xil (Meaño), con 95 instrumentos (aproximadamente), e unha idade media de 18 anos, chamada Banda Unión Musical de Meaño, participaba no World Music Contest (WMC) en Kerkrade (Holanda), o concurso máis importante a nivel mundial do xénero, sendo a única banda española do certame e a gañadora cunha puntuación de 96’25 sobre 100. Esta banda está composta por músicos tanto amateurs, como profesionais e estudantes de conservatorio. Desta banda saen músicos sendo profesionais cara a outras orquestras prestixiosas españolas, como é o caso do trompetista solista José Forte, residente na Real Orquestra Sinfónica de Sevilla, ou o director naquela altura, David Fiúza, como novo director da CIM La Armónica de Buñol (Valencia).

A Banda Unión Musical de Meaño participou no World Music Contest (WMC) en Kerkrade (Holanda), foi a única banda española do certame e a gañadora cunha puntuación de 96’25 sobre 100

Este feito déixanos ver o descoñecidos que son os logros musicais dos galegos na propia Galiza, importándonos soamente o pop comercial noutros idiomas e a xeración de Operación Triunfo. O descoñecemento non só dos méritos, senón do xénero en xeral, non é exclusivo da poboación (tanto a nivel galego como a nivel español), senón tamén dos medios, que buscan tristemente vender exemplares ou conseguir audiencia na sección de cultura con novas doutros xéneros estranxeiros deixando a verdadeira a un lado, para o descoñecemento de todos. Tamén o goberno galego ten que ver, pois aínda que a esta banda (como a outras) se lles deu subvención para competir no certame mundial, ese investimento quedou esquecido ao non darlle a publicidade e a visibilidade necesaria, como pasa con todos os temas culturais galegos.

Con todo, esta desinformación e aculturación non vén só promovida polos medios de información, senón tamén por parte da educación. Cantos dos nosos nenos son levados a concertos de música instrumental no colexio ou se lles dá a opción de tocar un instrumento na aula de música máis aló da frauta e a pandeireta? Está comprobado que a música chamada clásica ou instrumental estimula a intelixencia dos nenos e nenas e incluso a dos maiores, chegando a ser utilizada como terapia e habendo especializacións universitarias sobre o tema, así como abundantes estudos tratando de apoiar o xénero.

Nesta época na que a mente dos nenos está practicamente inutilizada coas novas tecnoloxías, en vez de descargarlle unha limitadora aplicación para a tablet ou para o móbil dun piano ou dunha guitarra, por que non amosarlles a beleza de crear algo coas súas propias mans, darlles a simple oportunidade de xogar cos instrumentos, de que exploren, de que se impregnen de notas, de espertar os seus sentidos para participaren da música? Cómpre quitarlles a moitos xoves o medo a dicir que lles gusta a música instrumental, clásica, descritiva etc.. porque, de o faceren público, serán tachados de aburridos ou pasados de moda.

Cómpre quitarlles a moitos xoves o medo a dicir que lles gusta a música instrumental, clásica, descritiva etc.. porque, de o faceren público, serán tachados de aburridos ou pasados de moda

Se conseguísemos ensinarlles aos nenos e nenas o valor deste tipo de música co referente próximo das nosas bandas, seriamos capaces de botar abaixo esa idea de que os que a escoitan e os que se permiten gozar dela, son soamente unha elite exclusiva, facéndoa máis próxima a outro tipo de público con outros xéneros, máis aló dos compositores clásicos, como o das famosas bandas sonoras cinematográficas ou adaptación de xéneros musicais como o rock. Consecuentemente, contribuiríamos a axudar a coñecer compositores e xéneros do noso país, como fai esta banda con exitosa historia.

A proba de todo isto é o X Certame Galego de Bandas de Música celebrado o 26 e 27 deste mes de novembro (no cal esa banda de Meaño quedou gañadora da primera seccion), en Santiago de Compostela e con entrada gratuíta, no que a meirande parte dos espectadores eran pais, fillxs, familiares achegados e amigos dos músicos participantes.

Canto do lectorado deste artigo será consciente da súa existencia ben sexa por mor de prensa escrita, audiovisual ou simplemente por carteis anunciadores pola rúa?

Comentarios