XURXO ROMERO, ACTIVISTA VIGUéS

"Co meu xuízo queren acalar a loita polos servizos sociais en Vigo"

Esta cuarta feira decorre en Vigo o xuízo contra este activista detido o 7 de xaneiro no barrio vigués de Coia.

Xurxo Romero
photo_camera Xurxo Romero [Imaxe VIGODIXITAL]

Veciño do barrio do Calvario, Xurxo Romero enfronta esta cuarta feira (11 de febreiro) un xuízo por un suposto delito de atentado e agresións á autoridade. A fiscalía pídelle 2 anos e medio de cadea baseándose nun atestado policial que, desde a defensa de Romero, aseguran que é "falso". Para este vigués, o seu caso é "un exemplo" de que através de sancións, multas e procesos xudiciais o goberno local de Abel Caballero e o propio goberno español queren "acalar as protestas sociais".

Cal é a acusación?
Acúsanme de atentado á autoridade no despexo da rotonda de Coia o 7 de xaneiro. A rotonda era o noso cabalo de batalla. Estabamos 24 persoas tentando evitar que se reiniciasen as obras. Chegou a policía municipal, identificáronnos e ao cabo dunha hora chegaron máis efectivos. Empurrábannos mentres nós desenvolviamos unha resistencia pasiva. Nunha desas, despois de cinco minutos de loita e empurróns, sen querer, baixeille a viseira do casco a un dos policias. Apartáronme do grupo e detivéronme. Logo inventáronse toda esa movida para me acusaren.

"A policía empurrábanos mentres nós desenvolviamos unha resistencia pasiva"

Asegurades que o atestado policial é falso?
O atestado policial é falso de arriba a abaixo. Eu no forcexeo baixeille a viseira, sen querer, mais non lle fracturei un dedo como aseguran.

Ao día seguinte xa estaba sentado no banco dos acusados no xulgado...

Detivéronme e mandáronme por vía da policía nacional a un xuízo rápido. Ao día seguinte da detención xa estaba no xulgado. A avogada, Esther Lora, conseguiu desmontarlles todo e que o xuízo seguise un procedemento ordinario para me poder defender. Agora pídenme 30 meses de cadea, 2 anos e medio e 1.240 euros en concepto de indemnización pola baixa do axente. Porén, nada do que se di é verdade. Neste senso, hai un informe forense que dá conta dunha lesión anterior que ten no brazo. Mais aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid montaron todo isto.

"Foi todo unha montaxe policial para amedrentar"

Como interpretas o que está a acontecer?
É unha estratexia do estado --e digo do estado directamente porque as administracións locais tamén son parte del-- para acalar as protestas. O meu é un exemplo de que coa sentenza queren atemorizar os demais. E nesa liña vai tamén a reforma do Código Penal, unha medida fascista para acalar as protestas sociais. A nosa loita é a prol dos servizos sociais que no caso de Vigo están desmantelados. E está é unha maneira de nos amedrentar.

Que agardas do xuízo?
Segundo me informou a avogada, a sentenza tardará 20 días, mais confiamos en que chegue a absolución e en demostrar que foi todo unha montaxe policial para amedrentar. Ora ben, iso non depende de nós. 

Que representa o barco da rotonda nesa loita?
O da rotonda é un escaparate para chamar a atención sobre a falta de servizos sociais. O noso conflito é a prol da xustiza social.

Como valoras as mostras de solidariedade que che están a facer chegar?
Véxoo algo moi positivo. Lévome unha grata sensación de que as persoas miran unhas polas outras.

Comentarios