Opinión

O clúster político e a defensa da terra

Veño de ler unha entrevista do candidato de En Marea, Luis Villares, en plena campaña eleitoral onde manifesta que necesitamos unha política de clústers que permita cerrar en Galiza toda a cadea industrial. Como fala en castelán (é para un medio español) non sei se está a pensar en cerrar como entornar ou se alude a pechar de pasar a chave. Mais sexa o que for, a min espavéntame esa palavra: clúster. Porque clúster é unha ideia central da globalización que naceu nos selvaxes anos 90 do pasado século da man de Porter e outros cando albiscaron a avantaxe que supuñan as concentracións territoriais de empresas. A ideia xurdiu do comercio téxtil, onde xa o puritanismo da igrexa, o primeiro clúster da historia, fixera caixa comerciando co pecado do corpo núo e a demanda de algodón. Un descubrimento bastante doado porque dende sempre é sabido que peixe grande come ao chico. E que a concentración de forzas sempre levou á vitoria. Iso si, do máis forte, que non do mellor!

Clúster é unha ideia central da globalización que naceu nos selvaxes anos 90 do pasado século da man de Porter e outros cando albiscaron a avantaxe que supuñan as concentracións territoriais de empresas

Os defensores dos clústers defínenos como concentracións de empresas e institucións interconectadas nun campo particular para a competencia. O que se esquecen sempre de clarexar é que tipo de empresas e de que propietarios nos están a falar. Así como tamén esquecen nos dizer en qué nos beneficia a nós, os povos e as terras, estas macroconcentracións. Chamarédesme desconfiada, o que ti queiras, mais non creo que o esquezo sexa inocente nin casual.

Galiza é unha terra de minifundio, tan distinta e orixinal a respeto do resto das terras de España, latifundiarias, que levan séculos intentando de nos convencer en que concentrándonos seremos máis felizes e productivos. Que iso é un clúster. Mais a mentalidade nosa está nas antípodas do clúster. Nós concentrámonos cando queremos e nos peta e dános a gaña. E só de xeito comenenciudo e rítmico ao tempo das estaxes pedraianas. Nas feiras que eran e son os mellores clústers. 

Nós concentrámonos cando queremos e nos peta e dános a gaña

Porén, o único que teñen en común as feiras e os clústers é o feito en si da concentración porque as feiras sempre deixavan os beneficios na nosa terra e non monopolizavan nunca todos os sectores produtivos como fan os clústers que, amais, levan a riqueza fóra. Os clústers, en cambio, ese agrupamento de empresas amigas ou parentelares reciben grandes axudas e subvencións públicas, poñen a traballar ás universidades e centros de investigación para o seu exclusivo lucro (plan Bolonia) e acaparan todos os mercados mundiais sen posibilidade de competencia. Están deslocalizadas porque xogan co planeta e os seus povos como se foran non máis ca un tabuleiro de xadrez coas xogadas xa pactadas e o xaque mate servido. 

As grandes transnacionais, esas empresas que poden estar domiciliadas onde lles conviñer coas leis que eles mesmos tramitan, fornecen governos e financian universidades e fundacións a esgalla. Dominan os tipos de investigacións que lles convén fazer e desbotan todas aquelas carrreiras ou investigacións que non lles favorecen coa falsa escusa de non seren rendíveis. Estas empresas ameazan a democracia e a imparcialidade da ciencia e o saber. Un governo, poño por caso, pode encarregar ao mesmo clúster que cobiza un territorio costeiro para unha piscifactoría, o estudo de impacto ambiental previo ao mesmo. Unha vez aprobado e co apoio institucional, adicarse á cría de especies exóticas como peixes planos, así como a toda a loxística necesaria para a factoría, e a investigación e patente de vacinas e outros fármacos que combatirán as doenzas dos peixes debido a ese tipo de cultivo antiecolóxico. De tal maneira que o clúster que arrebola a bandeira do livre mercado para se instalar, é o menos livre na historia da humanidade.

As grandes transnacionais, esas empresas que poden estar domiciliadas onde lles conviñer coas leis que eles mesmos tramitan, fornecen governos e financian universidades e fundacións a esgalla

Os clústers, amais, permiten o abuso tóxico encadeado. Eis, na Galiza temos dous campus de excelencia, un deles en Vigo, o Campus Mar que non é máis ca o nome bonito de Bioga, o clúster tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida. Curioso nome o de vida para unha política esquilmadora dos recursos dos mares propios e alleos. Campus do Mar naceu ao abeiro do clúster da Acuicultura no ano 2000. Bioga fórmano máis de 45 empresas con moita facturación fuxidía e pouco emprego. Os seus beneficios non adoitan ser tan concentrados no noso territorio como as empresas. Países como Finlandia, Noruega, Canadá ou Xapón son os grandes beneficiarios. Galiza é un país barato porque permite contaminar a baixo custe empresarial, cousa que non se podería levar a cabo nos países de orixe porque alí unha cidadanía máis informada non o consentiría. E ten unhas rías senlleiras para montar as súas piscifactorías de toxinas, virus e antibióticos que logo combatirán coas súas proprias vacinas. A estas empresas non lles importa se o resto dos peixes selvaxes do mar sofren as consecuencias e se as povoacións consumidoras de peixe padecen cancro e outras graves doenzas debido a esta caste de industria alimentaria que o Tratado de Livre Comercio ou TTPI vai pular aínda máis, porque sempre haverá Coreas, Chiles ou golfos de Guinea para seguir a sacar tallada. Tampouco teñen problema por introducir especies alleas ou xogar coas melloras xenéticas. Ou alimentar con penso de peixe aos proprios peixes como fixeran coas vacas que logo mudaran misteriosamente en vacas tolas e ás que o presidente Fraga gostava de soterrar con nouturnidade e alevosía nos montes arredados.

Mais non há ben que por mal non veña, porque eles mesmos son os proveedores de desinfectantes e pensos de engorde. Eles venden as gaiolas e artefactos, as embarcacións e o resto de complementos. E se há brotes de isa ou piollos de mar, xa poñerán no mercado a tetraciclina e as quinolonas que rematarán nos peixes silvestres como está a pasar en Chile ou na Patagonia. A salmonicultura chilena utiliza perto de 30 tipos de sustancias químicas, incluído o funguicida cristal violeta, un canceríxeno proibido na Unión Europea que xa foi detectado en brochetas producidas por Findus con salmón chileno. Se nota que es Findus!. Avantaxes da bieita globalización. 

Galiza é un país barato porque permite contaminar a baixo custe empresarial, cousa que non se podería levar a cabo nos países de orixe porque alí unha cidadanía máis informada non o consentiría

Porque o clúster político ten que definir qué tipo de industria é que defende. Non é de recibo que nos traten de vender a ecoloxía e o clúster a un tempo. E  menos un cabeza de lista das marés. Os galegos queremos sanear as nosas rías xa e que sigan sendo nosas. Queremos cultivar ecoloxicamente o mar, non só por amor á natureza senón por puro egoísmo, porque non há outro modo de supervivencia posivel. Porque o mar non ten cancelas e non queremos encancelar aos fillos e ás xeracións futuras. Porque o mar é o equilibrio climático do planeta. 

Primeiro esquilmaron os recursos do mar e agora tentan de nos covencer, a propia FAO, de que a acuicultura é a única forma de fazer fronte ao futuro déficit de pescado. O mesmo pasa co clúster da madeira ou da celulosa que primeiro empurran ao despovoamento do campo, logo enchen os montes de monocultivos de eucalitos e axiña teñen a fachenda de nos dizer que iso é o máis produtivo. Produtivo para quen?Porque en Galiza o que sobran son clúster financiados con cartos públicos para lucro de países alleos. E despois somos nós, os que loitamos pola defensa dos nosos recursos territoriais os vendepatrias? 

Non sei se o clúster do mar terá unha empresa que financie partidos políticos ou campañas. Mais sospeito que a lei de acuicultura que o PP de Feijóo ten aparcada provisionalmente nun caixón para mellores tempos, trala revolta dos traballadores do mar, é un grande peixe moi cobizado polas multinacionais como para que fique moito tempo esquecido nesa gaveta. O CETGA, o clúster de Acuicultura de Galiza, esa asociación empresarial sen ánimo de lucro (canta empresa altruísta nos rodea) non creo que ande a buscar novas especies de cultivo por puro deporte. O lenguado senegalés que tanto esforzo custou non vai ficar sen ría. 

Por iso, desta volta, confésovos que vou pasar a miña xornada de reflexión eleitoral no mar, asomada á ría de Ferrol e a eses bancos de bivalvos gaseados pola planta mugardesa e ameazados pola propria conselleira do mar con esa impresentável lei de acuicultura ditada polas multinacionais do ramo. Vou pasear pola pescadería do bairro para mirarlle aos ollos ao ollomol, fitalo con demora por ver se vén de gaiola transxénica ou se viviu ceibo no noso mar. E evitarei as grandes superficies de asimetría bilateral como os peixes planos que alí venden. Eses bechos esvaradizos pleuronectiformes, caracterizados pola migración dun ollo ao outro lado por mor de vivir pegados ao chan e non levantar cabeza. Si, planos como os dos piratas dos clústers e non os somalíes. Planos como os dos programas dos partidos políticos que se venden á industria expoliadora a destruir o tecido artesanal galego. Planos como tantos encefalogramas de censo eleitoral!

Comentarios