O Club Baloncesto Base Costa Ártabra e o EDM A Estrada ascenden á Liga EBA

O EDM A Estrada e O Club Baloncesto Base Costa Ártabra (BBCA) poderían ser, por dereito propio, equipos da Liga EBA na vindeira tempada 2020/21. Así llo comunicou ás directivas de ambas entidades a Federación Galega de Baloncesto, obxectivo que logran a pesar de non ter concluído a tempada a causa da pandemia da COVID-19.

O Club Baloncesto Costa Ártabra logrou o ascenso sobre a pista (Foto: BBCA).
photo_camera O Club Baloncesto Costa Ártabra logrou o ascenso sobre a pista (Foto: BBCA).

O EDM A Estrada e O Club Baloncesto Base Costa Ártabra (BBCA) poderían ser, por dereito propio, equipos da Liga EBA na vindeira tempada 2020/21. Así llo comunicou ás directivas de ambas entidades a Federación Galega de Baloncesto, obxectivo que logran a pesar de non ter concluído a tempada a causa da pandemia da COVID-19.

No caso do BBCA, con este ascenso o club ferrolán volvería participar na cuarta categoría do baloncesto estatal masculino logo de cinco anos de ausencia. “Nunha cidade que respira baloncesto, trátase dun paso importante para devolver á cidade departamental onde lle corresponde”, sinalan desde o BBCA.

A pesar de que lles gustaría “ter rematado a tempada na cancha” declaran a súa “máxima felicidade” por unha nova que lles obrigará a traballar “moito máis intensamente se cabe para conseguir os apoios necesarios por parte de institucións locais e nacionais, tanto públicas como privadas”. “O obxectivo estará conseguido cando se lance o balón ao aire en setembro e o clube estea na EBA”, apostilan.

Pola súa banda, o conxunto estradense conquista a posibilidade do ascenso logo de que a suspensión da competición chegase cando ocupaba o primeiro posto na táboa clasificatoria, un “premio a unha tempada moi regular a nivel deportivo que, a pesar de que non finalizou na pista, deixa un gran sabor de boca entre todos os membros da familia do baloncesto estradense”.

Non obstante, isto non significa que a vindeira campaña a afección da Estrada poida gozar de partidos de EBA na súa localidade, pois nas dúas ocasións anteriores en que o conseguiron renunciaron ao ascenso e non parece que nesta ocasión vaia a ser diferente.

Comentarios