10-N

Oito claves para situar Galiza nas eleccións

A progresiva desindustrialización, o aumento das taxas de desemprego, as baixas pensións ou a emigración dunha mocidade que non atopa futuro no país son algunhas das problemáticas que sofre Galiza. Sermos Galiza analiza as propostas dos partidos políticos para facerlles fronte
Urnas.
photo_camera Urnas (RTVE)

8 de novembro, ás dez da mañá, o debate electoral galego pecha a campaña máis curta da democracia. A piques da cita coas urnas Sermos Galiza analiza as propostas que o Partido Popular, o Partido Socialista, En Común-Unidas Podemos e Bloque Nacionalista Galego ofrecen en oito eidos clave: política territorial, mobilidade, industria e transición ecolóxica, emprego, pensións, mocidade e feminismos. Destes partidos só dous, BNG e En Común-UP, presentan o contexto e análise das circunscricións que aspiran a representar e só as nacionalistas apostan decididamente pola soberanía de Galiza e o dereito de autodeterminación. 

Política territorial
A aposta dos partidos estatais, tanto do Partido Popular como do Socialista, pasa por criminalizar e condenar as expresións nacionalistas, nomeadamente do movemento independentista catalán. O ascenso das forzas de ultra dereita endurecen cada vez máis as posturas dos partidos estatais, pechados ao diálogo e a prol das penas decretadas polo Tribunal Supremo. 

Nese contexto En Común-UP propón unha mesa de partidos, na que dialogar solucións, e o avance cara unha estrutura federalista, mentres o BNG «cuestiona o marco constitucional e autonómico» e aposta pola «ruptura co rexime español e a conquista da soberanía para Galiza».

As nacionalistas aseguran que a crise que está a vivir o Estado non é só económica ou social, senón tamén unha «de lexitimidade», polo que no camiño cara a autodeterminación demandan o traspase de competencias ao Goberno galego.

Mobilidade
tren_dentroOs debates arredor da mobilidade contan con dous protagonistas: a AP-9 e a liña de Alta Velocidade con Madrid. A instrumentalización do AVE en campaña, a través do reparto de culpas cruzado entre PP e PSOE, deixou de lado as carencias que sofre a rede ferroviaria galega na actualidade.

Asegurar o AVE é obxectivo común de todos os partidos. Alén desta medida, a necesaria modernización do FEVE Ferrol-Xixón, a mellora das conexións  con Portugal ou o aumento as frecuencias de trens de media distancia ou de proximidade forman parte das axendas de En Común-UP e do BNG, que ademais defende o traspase das competencias ferroviarias.

O da AP-9, durante anos vetado no Congreso polo Partido Popular e polo Partido Socialista non figura nos seus programas, pero si  nas súas promesas de campaña. BNG e En Común-UP coinciden en ir máis alá, demandando a gratuidade da vía máis cara do Estado, cuxos peaxes suman até 21,75 euros, e a súa xestión polo Goberno galego.

Industria e transición ecolóxica10.000 persoas marchan en Viveiro pola defensa de Alcoa na Mariña [Imaxe: Europa Press]

No país dos mil ríos, das presas e dos parques eólicos a industria bota o peche polo alto prezo da enerxía.  O pulo pola industria vai aparellado ao reto de levar a cabo un proceso de descarbonización e transición ecolóxica que non supoña un prexuízo para os traballadores e as traballadoras.

Paralelamente a produción industrial galega enlaza nove meses consecutivos de caídas interanuais, empresas como Isowat ou Vulcano botan o peche e sucédense as manifestacións dos traballadores de Alcoa, que solicitan un estatuto enerxético que impulse a competitividade das industrias electrointensivas.

As nacionalistas reclaman unha política enerxética galega, na que a produción de enerxía redude en beneficio do territorio e contribúa a manter esa competitividade e, como PSOE e En Común-UP aposta por un estatuto propio para as electrointensivas. Tanto BNG como En Común-UP coinciden en incluír unha normativa que impida a deslocalización de empresas nos seus programas ou en demandar a xestión pública dos encoros galegos.

Emprego
Durante a campaña electoral sucedéronse as alusións a unha posíbel nova crise económica. En outubro os sindicatos galegos alertaron do que cualificaron coma o «peor» dato do mes desde 2008, con 7.323 persoas paradas. Galiza é, ademais, o sétimo territorio do Estado cos salarios máis baixos, dunha media de 21.606 euros en 2017.

Tanto o as nacionalistas como En-Común apostan pola completa derrogación da normativa vixente. Ambos partidos defenden unha nova lexislación do despedimento e os nacionalistas demandan un Marco Galego de Relacións Laborais. Só o PP defende «profundizar» nos seus efectos.

PSOE BNG e En Común-UP coinciden en subir o SMI progresivamente até acadar o 60% do salario medio, 1.200 euros ao mes en 14 pagas. BNG e En Común-UP defenden a maiores unha redución da xornada laboral, a 35 e 34 horas respectivamente.

Pensións
FERROL PENSIÓNSGaliza conta cunhas pensións un 16% máis baixas que a media do Estado, o 65% delas non alcanzan o SMI e as non contributivas, como as de viuvez, moitas veces non chegan os 650 euros. As propostas de PSOE, BNG,  En Común-UP e PP neste eido coinciden en prometer a fixación das pensións en relación ao índice de Prezos de Consumo.

Agás o PP, todos os grupos apoian a necesidade de aumentar as pensións non contributivas, nomeadamente as de viuvez, que cobran maioritariamente mulleres que se ven discriminadas polo non recoñecemento do seu traballo no agro, nos coidados  de persoas dependetes ou nas tarefas do fogar.  

Mocidade
No terceiro trimestre de 2019 25% das persoas de entre 20 e 24 anos estaba no paro, e 16,3% da poboación entre 25 e 29. A maiores, case un terzo das persoas paradas de menos de trinta anos sono de longa duración. A falta de oportunidades laborais na Galiza é unha das principais causas da emigración da mocidade.

Case un terzo das persoas paradas de menos de trinta anos sono de longa duración

Para loitar contra este contexto todos os partidos inclúen, baixo diferentes denominadores e sen apenas desenvolvelos, plans de emprego para a mocidade. Galicia en Común propón «un plan de recuperación de talento científico e profesional na emigración, con programas de retorno dirixidos á mocidade investigadora». Tanto este partido como o PSOE inclúen medidas para fixar ou atraer xente nova no rural, pulando pola cesión de terreo ou polas axudas para emprender negocios no sector primario.

A maiores, BNG, Galicia en Común e PSOE avogan por fixar unha remuneración dos contratos formativos e de prácticas, que os nacionalistas adecúan ao SMI. Socialistas e populares tamén recoñecen as dificultades de acceso á vivenda da mocidade, ofrecendo como compensación axudas económicas da Administración pública ou bonificacións fiscais a arrendadores de persoas novas. 

Feminismos

Manifestación do Sindicato de Estudiantes
Na Galiza os feminismos teñen alzado a voz para denunciar  a violencia machista, demandar a igualdade no emprego, ou situar coidados no centro. Pouco a pouco, os avances da rúa introdúcense tanto nas Administracións como nas políticas.

Un punto en común dos catro partidos é o desenvolvemento do Pacto de Estado, cun incremento orzamentario. A maiores, PSdeG, BNG e En Común-UP coinciden en demandar permisos de paternidade e maternidade iguais e intransferíbeis, o avance nas políticas de educación en igualdade e nacionalistas e En Común-UP en demandar a posta en marcha de xulgados específicos para tratar os casos de violencia machista. 
 

Comentarios