Opinión

Claude Simon

Cando nos están a punto de revelar o novo Premio Nobel de Literatura, quero lembrarlles que hai  hoxe cen anos nacía en Madagascar o escritor francés Claude Simon, Premio Nobel de Literatura en 1985, un dos autores fundamentais do nouveau roman que fixo tremer o sistema literario francés e nos ofreceu unha verdadeira renovación literaria, con ondas expansivas que farían abanar a escrita en galego e darlle a crítica motivos para falar da Nova Narrativa Galega.

Cando nos están a punto de revelar o novo Premio Nobel de Literatura, quero lembrarlles que hai  hoxe cen anos nacía en Madagascar o escritor francés Claude Simon, Premio Nobel de Literatura en 1985, un dos autores fundamentais do nouveau roman que fixo tremer o sistema literario francés e nos ofreceu unha verdadeira renovación literaria, con ondas expansivas que farían abanar a escrita en galego e darlle a crítica motivos para falar da Nova Narrativa Galega.

Cando en 1985 a Academia Sueca leu o seu nome foi unha verdadeira sorpresa, xa que o escritor francés non estaba nas apostas. Non o estivera tampouco cando en 1983 lle foi concedido o premio a William Golding, e alguén protestou reclamándoo para Simon. Case esquecido nos andeis das librarías máis próximas, sen que á súa escrita se lle permita aínda respirar en traducións ao galego, Claude Simon é un dos grandes, e en Galiza ten unha lectora que sempre lle será fiel, María Xosé Queizán, quizais a primeira escritora que lle meteu o dente, no París de inicios dos sesenta, para volver cunha valixa chea de palabras, de libros, de nouveau roman e ciscalo todo aquí entre unha mocidade prometedora.

"Cando en 1985 a Academia Sueca leu o seu nome foi unha verdadeira sorpresa, xa que o escritor francés non estaba nas apostas"

Hai un retrato de Claude Simon que me gusta especialmente -o seu autor é Roland Allard- a ollada do escritor, que chanta os seus ollos en nós, enmarcada nunha fiestra, de medio lado, na man dereita sostén as lentes, o cóbado esquerdo apoiase na mesa onde hai cuns papeis e un bote con lapis, bolígrafos. Un xersei de pico e unha camisa co colo por dentro. É a pausa do escritor, do mago da descrición, e desde os seus ollos, está a dicirnos que formamos parte da súa observación, que os nosos movementos pasaran a esas follas de papel, que vai atrapar o ar que cortamos ao andar. Sabemos todo isto despois de lermos algúns dos seus libros e concordamos co xurado que lle outorgou o Nobel polas súas obras “que combinan a creatividade do poeta coa do pintor ao dar profundo testemuño da complexidade da condición humana".

Naceu o 10 de outubro de 1913 en Atananarivo na illa de Madagascar, onde estaba destinado o seu pai militar, puxéronlle o nome do seu irmán maior morto, “viña co seu nacemento o nome dun morto”, escribiu nalgún lugar. O seu pai morreu en Verdun nada máis comezar a Gran Guerra, isto marcou, cando tiña cinco anos coa súa nai e con dúas tías buscou no remate do verán de 1919 entre a paisaxe deserta a tumba do seu pai, durante doce días, podemos lelo coa desolación do neno que vai ficar para sempre no home que escribe, na súa biografía L'Acacia (1989).

"Nos últimos anos da súa vida deu conferencias nas que rescataba a importancia da memoria na súa obra e na vida"

Recoméndolles esta obra, tamén lles recomendo Le tramway (2001), unha marabilla do Perpiñán da súa infancia onde viviu até  a morte de cancro da súa nai cando el tiña 11 anos.  Despois foi vivir cuns tíos en París, alí cultivou un dos seus desexos ser pintor e estudou na academia do cubista Andre Lothe, a mesma na que aprendería Tarsila de Amaral ou Tamara da Lempicka, a pintura marcará a súa escrita. En 1936 quixo defender a República española e trasladouse a Barcelona, experiencia que levou a súa novela Le Palace (1962). As vivencias  como oficial na Segunda Guerra Mundial en Flandres teñen presencia no seu primeiro éxito literario, La Route des Flandres (1960). En 1967 publica Histoire en que relata un día da vida dun home  novo, que sorprende polo seu novo xeito de narrar, polo que recibe o premio francés Médicis vangarda. En 1981 publícase unha das súas grandes obras para a crítica, Les Géorgiques, a Revolución Francesa, a Guerra Civil Española e a  Segunda Guerra Mundial, son o marco temporal para o desenvolvemento de tres historias entre tanta violencia.

Nos últimos anos da súa vida deu conferencias nas que rescataba a importancia da memoria na súa obra e na vida, vivía cultivando viño, outro dos seus praceres, na súa casa en Salses, no Sur de Francia, case sempre, e desde alí, desde a fiestra do retrato seguía testemuñando o mundo, obrigándonos a pensar cando nos emborrachamos coa súa literatura, outras veces ía a París, alleo aos media, ía de incógnito, paraba perto do xardín botánico, que xorde na súa novela Le jardin des plantes (1997), onde volve a memoria da guerra. Morreu o 6 de xuño de 2005, pouco antes na fermosa novela da infancia, sobre ese tranvía en Perpiñán, descríbese como un escritor aburrido, difícil e confuso que tamén lle caen enriba á Nova Narrativa galega. Propóñolles contra todos eses adxectivos a súa lectura, como homenaxe e como pracer.

Marga do Val

Comentarios