Beatriz Pino, número un de Ciudadanos por Pontevedra

“Ciudadanos é o único proxecto serio para sacar adiante España"

Beatriz Pino (Vigo, 1975), xornalista, ex deputada en Cortes e membro da Executiva estatal de Ciudadanos, participa por segunda vez como cabeza de lista da súa formación por Pontevedra. Asegura que o partido, a nivel organizativo e en canto a base social, está máis forte que en abril cando sumou 63.827 votos na súa circunscrición. Por iso non teme as enquisas e arranca a campaña coa “confianza no traballo feito”.
Beatriz Pino N1 de Ciudadanos por Pontevedra 10N estatais eleccións
photo_camera Beatriz Pino, na presentación oficial das listas o pasado 19 de outubro. Abaixo, coa candidata pola Coruña, María Vilas, e o líder do partido na Galiza, Laureano Bermejo.

Até que punto preocupan en Ciudadanos as enquisas na Galiza?  
De verdade que ningunha preocupación. Hai confianza no traballo feito. Eses traballo deu como resultado dous escanos en abril, e despois, nun Congreso medio paralizado, presentamos moitas preguntas parlamentarias e levamos á Cámara os temas de Galiza.

Votaron en contra da transferencia da AP-9. Cree que se entende ben na Galiza esa postura?
A transferencia non é vital. Non é o que importa aos cidadáns porque non é o que realmente vai repercutir no usuario. Pensamos que o fundamental é a baixada de tarifas na AP-9 porque o que pretendemos é unha reforma eficiente e real, con descontos do 50% para as viaxeiras e viaxeiros que facemos traxectos recorrentes. E liberar os tramos interurbanos da autoestrada, como por exemplo o tramo Vigo-Redondela. Iso é o que importa. Quen a xestione, sexa Fomento, sexa a Xunta, é o de menos.

Na cuestión de Ence tamén manteñen unha postura moi clara contra o traslado da factoría. Por que?
Porque o que nos preocupa enormemente son os postos de traballo dunha empresa que leva moitos anos en Pontevedra. Hai dous factores a ter en conta. Por unha banda, eses postos de traballo asentados e que se poñen en risco se marcha a empresa. E pola outra, o marco medioambiental europeo. Ciudadanos tivo acceso os informes técnicos e sabe que Ence cumpre coas normas medioambientais. Polo tanto, se cumpre, hai que apoiar que a empresa continúe coa súa actividade industrial. 

Ciudadanos tivo acceso os informes técnicos e sabe que Ence cumpre coas normas medioambientais

Na memoria de moita xente á hora de votar tamén estará a vaga de lumes de hai dous anos e a polémica cos eucaliptos. Que xestión do monte propón Ciudadanos?
Non temos unha proposta específica. O que si fixemos foi reunirnos con expertos para elaborar as nosas propostas e que nos din que o eucalipto é unha especie invasora. Piden que se controle e limiten as plantacións. Parece que estamos a falar dunha especie invasora. Estamos traballando sobre este punto en concreto.

Para Ciudadanos o eucalipto é unha especie invasora?
O que digo é que escoitamos a todo o mundo. Hai que ter en conta todo. Tamén, que non podemos acabar cunha industria que dá tanto traballo a Pontevedra. Trasladamos a Madrid o que nos din os expertos e témolos en conta. Pero hai que encontrar un equilibrio porque o eucalipto nutre a industria papeleira.

Beatriz Pino e María Vila Na presentación en Compostela das listas de Ciudadanos Con Laureano Bermejo 10NQue outras cuestións lle preocupan e para as que ten resposta como candidata por Pontevedra?
Preocúpanos a precarización do emprego, con 144.000 galegas e galegos no paro e a metade de longa duración. Queremos acabar cos contratos temporais apoiando a primeira inserción cunha bonificación do 100% o primeiro ano e ofrecer un cheque-formación e que cada unha poida elixir a que curso anotarse. E preocúpannos as liñas obsoletas da rede ferroviaria, o atraso do Ave e poñer en valor o corredor atlántico cos portos de Marín e Vigo. E a AP-9, da que xa falamos.

Cal é a proposta de Ciudadanos sobre a cuestión territorial dado o impacto que está tendo na campaña?
No ideario de Ciudadanos avogamos por un único país no que todas as cidadás e cidadáns teñamos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas. O Estado das Autonomías está moi ben, todas temos a nosa identidade e hai que respectala, pero non pode seguir habendo cidadáns de segunda. Partindo de aí, haberá que facer reformas na cuestión territorial. Por exemplo, falar en serio do tema do Senado e das Deputacións. Ou se reforman seriamente, ou teñen que desaparecer.

Por suposto que hai que protexer o galego, faltaría máis… pero é verdade que hai que facelo sempre desde o respecto. Non podemos nunca impoñer.

Por que é tan belixerante Ciudadanos no ámbito das políticas lingüísticas, tamén na Galiza?
Porque a política lingüística ten que servir para o mesmo: asegurar que todas teñamos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas. Non pode ser que o galego, o catalán ou o vasco sexan unha barreira nunhas oposicións públicas. Poden ser un mérito, pero nunca unha barreira. Non estamos para nada en desacordo coas nosas riquezas, temos a gran sorte de dispor de dúas linguas… ten que ser decisión de cada persoa decidir na que fala.

Non pensa que a lingua galega, dada a situación, merece maior protección? 
Se nos remitimos ás enquisas, non detectamos que a poboación considere que isto sexa un problema, que haxa que protexer o galego. Por suposto que hai que protexer o galego, faltaría máis… pero é verdade que hai que facelo sempre desde o respecto. Non podemos nunca impoñer. Protección si, pero nunca imposición. Cada un debe decidir en liberdade en que lingua se quere expresar. 

Ciudadanos pactará co PSOE o próximo Goberno do Estado? 
Fai falta Ciudadanos en España e tamén na Galiza. Ciudadanos é o único proxecto serio para sacar adiante España. Como di Albert Rivera, precisamos capacidade de diálogo para afrontar cuestións como as pensións, a educación, a sanidade ou o problema demográfico que esixiran pactos de Estado. Eses temas non poden estar suxeitos a quen estea no Goberno. 

Teme Ciudadanos a gran coalición PSOE-PP? 
Non tememos a gran coalición porque saímos a gañar. Estamos seguras de que somos o partido no que a xente vai confiar. Estamos moi seguras do programa político que temos entre mans e que levamos anos traballando nutríndonos de abaixo cara arriba.
 

Comentarios