Crise en C's

Ciudadanos asegura que “non hai máis dramas” mentres continúan as baixas na Galiza

“Non hai máis dramas", sentenciou a deputada de Ciudadanos por Pontevedra, Beatriz Pino, ao ser preguntada pola demisión da ex secretaria de programas do partido na Galiza. A crise no partido laranxa non dá tregua. Martín Amaro, da xunta directiva de Ourense destituída esta semana, anunciou que haberá máis saídas en todo o país debido á "actitude ditatorial e pouco democrática" do actual secretario de organización.

Beatriz Pino en rolda de prensa [Imaxe Ciudadanos]
photo_camera Beatriz Pino en rolda de prensa [Imaxe: Ciudadanos]

A noutrora fichaxe estrela de Albert Rivera para o seu partido na Galiza, Ángeles Fernández-Ramil, ex asesora da anterior presidenta chilena Michel Bachelet, anunciou a súa demisión como secretaria de programas de Ciudadanos na Galiza e a baixa deste partido.

Fernández-Ramil situou os motivos da súa demisión nos mesmos que esgrimiu o ex líder da formación Toni Roldán a semana pasada cando anunciou a súa baixa, é dicir, amosouse contraria á negativa reiterada de Ciudadanos a facilitar a investidura de Pedro Sánchez. Fernández-Ramil ao igual que Roldán, defenden que Sánchez poida acadar a presidencia grazas a C’s e así non ter que depender o goberno central de acordos puntuais e concretos coas forzas nacionalistas.

"Non se adecuaba aos ritmos que necesita agora o partido" aseverou Pino de quen fora unha das máximas fichaxes que o partido enxalzou na Galiza.

Mais a demisión de Fernández-Ramil foi cualificada desde Ciudadanos como “unha dimisión forzosa”. Así o dixo a deputada pola circunscrición de Pontevedra no Congreso dos Deputados, Beatriz Pino, quen asegurou ademais que a súa saída debeuse á súa falta de ritmo de traballo. "Non se adecuaba aos ritmos que necesita agora o partido" aseverou de quen fora unha das máximas fichaxes que o partido enxalzou na Galiza.

Ángeles Fernández-Ramil levaba á fronte da área programática desde 2018 e viviu entre a Galiza, Venezuela, España e Chile. Neste último país residiu 32 anos e nel desenvolveu a súa carreira como analista política, participando en múltiples debates públicos e foi a primeira muller presidenta da Asociación Chilena de Ciencia Política e traballou na Secretaría Xeral da Presidencia durante o goberno de Michelle Bachelet.

A súa fichaxe polo partido laranxa foi posta en voga como unha grande oportunidade para precisamente “cazar talento”

A súa fichaxe polo partido laranxa foi posta en voga como unha grande oportunidade para precisamente “cazar talento” para o crecemento da formación na Galiza con xente salientada en diversos ámbitos do pensamento, a innovación e o desenvolvemento.

Para a deputada Beatriz Pino o departamento de Programas é "vital" na estrutura de calquera “autonomía”, xa que é o "punto de partida", polo que require duns "ritmos de traballo" que quizais até o de agora "non se podían estar a dar". "Non hai máis dramas", sentenciou.

Olga Louzao abandonou a portavocía esta semana

Aínda que a concelleira en Lugo de Ciudadanos, Olga Louzao, asegurou a Sermos Galiza que a súa decisión de abandonar a portavocía do partido debíase a un desexo de querer centrarse no seu traballo político como edila en Lugo, o certo é que a súa renuncia produciuse no mesmo día, cuarta feira 3 de xullo, en que a cúpula do partido de Madrid e de Galiza destituíu a executiva provincial de Ourense.

A ese respecto, a deputada Pino avanzou en declaracións aos medios que o secretario de organización do partido, Laureano Bermejo, anunciará nos vindeiros días quen é a persoa que ocupe o cargo de Louzao.

En referencia á edila lucense, Pino asegurou que "testa acumulación de papeis políticos e persoais facíase complicado en ocasións e así nolo fixo saber a propia Olga", insistiu Pino, quen sinalou que desde Ciudadanos "non hai máis que palabras de agradecemento" polo seu labor e que "seguirán contando con ela" en Lugo.

A dirección destituída en Ourense reclama a expulsión de Bermejo por “actitude ditatorial”

Após a destitución da xunta directiva de Ciudadanos en Ourense por "discrepancias" coa dirección e "abandono de funcións", Pino asegurou que se debeu a unha "petición directa" dos propios afiliados ourensáns que "fixeron aflorar" a "falta de traballo" e o seu "descontento".

Esixen que se abra un expediente disciplinario e de expulsión a Bermejo por abuso de poder

Esta sexta feira 5 de xullo, un dos membros destituídos, Ignacio Martín Amaro, anunciou a súa baixa e asegurou que se producirán máis polo "malestar existente" tanto en Ourense, como en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Lugo, debido á "actitude ditatorial e pouco democrática" de Laureano Bermejo.

Neste sentido, anunciou que a Xunta Directiva destituída "inxustamente" decidiu presentar un "recurso de amparo" ante o Comité de Garantías e Valores de Ciudadanos solicitando "non só a anulación da disolución da Xunta Directiva, senón tamén que se lle abra un expediente disciplinario e de expulsión a Bermejo por abuso de poder, actuación antidemocrática e dano contra a honra dos seus compañeiros de partido".

Comentarios