CiU, disposta a dialogar se unha reforma da Constitución incluíse o dereito a decidir

A alma pactista de CiU non está morta. O conseller da Presidencia, Francesc Homs, lanzou esta quinta feira mensaxes a Madrid nun sentido ben claro: pode haber acordo con España se o Estado aceita incorporar o dereito a decidir nunha eventual reforma da Constitución.

Francesc Homs [Imaxe: Generalitat de Catalunya]
photo_camera Homs, nunha comparecencia pública

CiU sabe que PP e PSOE teñen falado xa sobre a hipótese de ir a unha reforma da Constitución española para resolver mellor o encaixe de Catalunya no Estado, após o goberno catalán ter axendado para o 9 de Novembro o referendo autodeterminista.

O sector maioritario do PP, o que lidera Rajoy, contempla a hipótese de outorgar a Catalunya -e a Euskadi- un status político específico no Estado español, con mellora do sistema de financiamento, na liña do federalismo asimétrico defendido pola súa líder catalá, Alicia Sánchez Camacho.

Esta posición é a que sustenta tamén o PSOE. Neste debate chama poderosamente a atención o silencio de Feijóo, que ten optado por un perfil baixo -a diferenza do debate sobre o aborto- e por colocarse como escudeiro de Rajoy.

Esta quinta feira, o conseller da Presidencia da Generalitat de Catalunya, Francesc Homs, deslizou a ideia, nunha entrevista na COPE, de que o referendo catalán -cuxa realización en todo caso el considera innegociábel- tería como corolario unha reforma da Constitución española e que, por tanto, ao final do proceso o pobo español tamén sería chamado ás urnas para refrendar a nova arquitectura institucional.

"Se o pobo de Catalunya vota independencia, se poden negociar as condicións [con Madrid], mais non a decisión"

En realidad, esta ideia xa foi transmitida de forma sutil por Artur Mas no debate con Felipe González moderado por Jordi Evole. Mas veu dicer que primeiro hai que coñecer a opinión do pobo catalán sobre o seu futuro e que, unha vez xa constatada a súa vontade, hai que ir a Madrid a negociar.

Homs enfatizou que o referendo de Novembro ten un carácter puramente consultivo [no Estado español, e de acordo coa Constitución de 1978, non son vinculantes]).

Cea coa burguesía madrileña

O diario El Mundo publica esta sexta feira que Homs mantivo recentemente unha cea con representantes da alta burguesía madrileña -a presidenta do Círculo de Empresarios, o presidente de Campofrío, o conselleiro delegado de Fincorp...-, aos que tería pedido que intercedesen perante A Moncloa para se abrir unha vía de diálogo.

Nese encontro, Homs tería advertido de que o enroque de Madrid só favorece a hipótese de ERC avanzar até se constituír como primeira forza política en Catalunya. O home de confianza de Mas tería expresado que a solución ao conflito podería vir da man dunha reforma da Constitución que, iso si, legalizara o dereito a decidir de Catalunya.

Esta pretensión de CiU non ten moitos visos de prosperar, sendo que nen PP nen PSOE están dispostos a abrir o debate sobre o recoñecimento do dereito de autodeterminación.

Homs esclarece a súa posición

As declaracións de Homs provocaron un rexeitamento fechado por parte de  ERC e a CUP. O proprio conseller da Presidencia viuse obrigado a precisar esta sexta feira o sentido das súas palabras.

"Se o pobo de Catalunya vota independencia, se poden negociar as condicións [con Madrid], mais non a decisión", dixo.

Comentarios