Citroën parará a produción en Vigo esta cuarta feira, 18 de marzo, polo coronavirus

O grupo PSA Citroën decidiu paralizar progresivamente a produción nas plantas en Europa polo Coronavirus.

Citroen

A planta de PSA Citroën en Vigo paralizará a produción a partir desta cuarta feira, 18 de marzo, segundo informou o grupo automobilístico, no marco do paro progresivo da actividade nas diferentes factorías europeas por mor do Coronavirus.

As primeiras plantas en parar serán esta segunda feira as de Madrid e Mulhouse (Francia). O calendario ofrecido pola emoresa indica que o 17 cesarán a produción as factorías de Poissy, Rennes, Sochaux (Francia), Zaragoza, Eisenach, Rüsselsheim (Alemaña), Ellesmere Port (Reino Unido), Gliwice (Polonia). Día 18: Hordain (Francia), Vigo (Galiza), Mangualde (Portugal).  E o 19 M: Luton (Reino Unido), Trnava (Eslovaquia).

Até agora a dirección de PSA Citroën en Vigo apostaba en manter a produción embora as reiteradas peticións sindicais en sentido contrario, instándolle a poñer a saúde do persoal por riba de intereses produtivos.

Este domingo volveu haber unha xuntanza entre dirección e sindicatos mais a ponte de mando da empresa mantense na súa decisión. Desde a Xunta, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, afirmou que o “prioritario” para o Goberno galego é que se manteña a actividade industrial. CIG, CUT, CCOO e UXT asinan un comunicado conxunto no que afirman que “non se cumpre as garantías preventivas mínimas exixidas polo Goberno” para que se manteña a actividade na planta de Vigo. As propostas de prevención presentadas pola empresa son, para as centrais, “insuficientes”.

Cazolada

Na noite deste domingo, veciñas e veciños da cidade protagonizaron unha cazolada para apoiar o persoal da planta viguesa e a súa demanda de que se paralice a produción en Citroën.

Comentarios