O CIS prognostica unha vitoria folgada do PSOE

A última enquisa do CIS nace con polémica. Ao pouco de facer público os seus resultados, o propio director do instituto público Felix Tezanos veuse obrigado a poñer en cuestión a fiabilidade dun estudo elaborado con anterioridade á convocatoria electoral e á decisión de Iñigo Errejón de concorrer á cita do 10N. Mentres tanto, desde a oposición cualifícano como un instrumento propagandístico ao servizo de Pedro Sánchez.

Colexio electoral na Coruña
photo_camera Colexio electoral na Coruña

Os dados da enquisa mensual do CIS volven a situar o PSOE como vencedor destacado dos vindeiros comicios. A sondaxe, resultado das perto de seis mil entrevistas realizadas entre o 1 e o 18 de setembro, outorga aos socialistas unha porcentaxe de 34,2%, practicamente catro puntos máis que nos comicios de abril. A continuación situaríanse os populares con 17,1% dos votos, cinco décimas máis que nas pasadas xerais, mais lonxe das expectativas recollidas noutras sondaxes publicadas nestes días.

Unidas Podemos sube ao terceiro posto, ao colocar a súa intención de voto en 15,5%, practicamente un punto por riba dos resultados de abril, relegando a cuarta posición a Ciudadanos, que descende en máis de tres puntos respecto aos resultados das últimas xerais. Non son mellores as perspectivas de Vox, cuxa porcentaxe de voto baixa de 10,3% de abril a 7,5 % outorgado polo CIS, nunha aproximación que difire dos dados fornecidos por outros estudos sociolóxicos.

Vitoria nacionalista en Euskadi e Cataluña

O traballo presentado polo CIS confirma a hexemonía das forzas  nacionalistas en Euskadi e Cataluña. Así, na primeira das nacións o Partido Nacionalista Vasco e Bildu colocaríanse como as forzas máis votadas, acadando o PNV 1,6% dos sufraxios e os de Otegui 1,2% no conxunto do Estado, nunha mostra do avanzo das nacionalistas neste territorio.

ERC situaríase como a primeira forza electoral  en Cataluña, sumando 3,7% dos sufraxios do conxunto do Estado e unha porcentaxe lixeiramente inferior aos resultados de abril. Máis importante, segundo o CIS, sería o descenso de Junts per Catalunya, a formación liderada por Carles Puigdemont, cuxos resultados minguarían seis décimas en relación ás pasadas xerais.

Errejón ausente no CIS

As críticas a esta sondaxe do instituto público sucédense desde diversas frontes. O propio momento da elaboración da enquisa, con anterioridade á convocatoria electoral, ou a non incorporación dunha pregunta sobre a intención de voto de Mas Madrid , o partido impulsado por Íñigo Errejón ou o escaso número de entrevistas realizadas nalgúns territorios, por exemplo Galiza, son evidencias claras da falla de fiabilidade do estudo.

Críticas a metodoloxía da enquisa

O propio persoal CIS recoñeceu en declaracións aos medios do grupo PRISA as deficiencias do traballo. Neste sentido, sinalou que “o escenario aberto tras a convocatoria electoral e a irrupción da candidatura de Errejón conforman unha situación absolutamente nova”. Outro exemplo das eivas técnicas da mostra, atopámolo no tratamento outorgado ao BNG, cuxa estimación de voto se sitúa en 0,3% , nuns números moi semellantes aos da intención directa. Nunha dirección análoga, o propio documento que recolle  as conclusións do traballo, sinala os problemas as dificultades da sondaxe.

Neste sentido nas conclusións do traballo afírmase que “non é realista efectuar exercicios de prospectiva electoral, dadas as evidencias empíricas dispoñíbeis sobre o estado do sistema (caracterizado por unha volatilidade elevada, acentuada coa incorporación de novos partidos políticos) e pola importancia que no referido contexto adquiren as campañas electorais(tanto no sentido de promover unha maior ou menor participación, así como no sentido final do voto)”.

Unha mostra diverxente co resto das sondaxes

O estudo elaborado polo CIS mostra grandes diverxencia cos traballos presentados recentemente polas diferentes compañías demoscópicas. Mentres as sondaxes realizadas con posterioridade a convocatoria electoral  e unha vez coñecida a intención de Errejón de concorrer ás eleccións certifican unha tendencia a baixa do PSOE e unha suba importante do PP, a investigación da equipa de Tezanos insiste en significar o papel destacado dos socialistas.

Comentarios