CIS sitúa o BNG con probabilidades de entrar no Congreso

A macro enquisa (17.650 entrevistas persoais en todo o Estado) dá opcións ás nacionalistas de atinxir representación. O PSOE gañaría os comicios no Estado (até 150 deputadas e deputados) e tamén na Galiza (25,8%), onde superaría o PP (18,4%).

VOTOS
photo_camera VOTOS

A macro-enquisa electoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) con vistas ás eleccións do 10 de novembro sitúa o BNG en posición de volver ter representación no Congreso, ratificando así unha liña que ao longo destas semanas apuntaron diversas sondaxes e enquisas. O traballo do CIS outórgalle ás nacionalistas 4,6% en voto máis simpatía para eses comicios. O PSOE manteríase como a forza máis votada na Galiza, con 25,8% dos apoios, por dfiante do PP (18,4%) e de Galicia en Común (9%). A porcentaxe de persoas que non votarían o 10 de novembro sitúase na Galiza en 23%. Así, o PSOE lograría 10-11 representantes, por 9 do PP, 2-3 de Galicia en Común e 1 de Ciudadanos. O BNG tería posibilidades de ter representación.

Estado

O CIS dálle a vitoria ao PSOE cun apoio estimado de 32,2% e entre 133 e 150 representantes, por riba do seu resultado en abril. En segunda posición sitúase o PP con 18,1% e entre 74 e 81 escanos, tamén por riba dos seus datos das anteriores eleccións. A coalición de Unidas Podemos manterase nunha posición similar con 14,6% e entre 37 e 45 escanos, mentres que Ciudadanos mantense en 10,6% e entre 27 e 35 deputados e deputadas.

Finalmente, Vox mantense en 7,9% e entre 14 e 21 deputadas e deputados, por baixo do que se colleitou en abril. Más País, o novo partido de Errejón, entraría con  dous escanos en Madrid. ERC tería entre 16 e 18 representantes, JxCat obtería 4-6, a CUP entraria no Congreso con 1 ou 2 deputadas. O PNV atinxiría entre 6 e 7 cadeiras no Congreso, segundo o CIS, e EH Bildu obtería 5. 

A enquisa baséase en perto de 17.650 entrevistas persoais realizadas en 1.091 concellos das 50 provincias nas primeiras semanas de outubro.

A sondaxe dá opcións ao BNG de obter representación no Congreso ao concederlle 4,6% dos votos. 

Comentarios