O CIS apunta a hipótese dun BNG á altura de Unidas Podemos nunhas novas xerais

Dúas cautelas previas á hora de avaliar o inquérito: primeira, foi feito antes da sesión de investidura; segundo, o número de entrevistas realizadas na Galiza é moi cativo, apenas 194. Con todo, sinala tendencias: o PSOE consolida a súa hexemonía como primeira forza, Cs e UP retroceden e o BNG confirma a súa remontada.
FOTO MITIN BNG A CORUÑA 2 (1)
photo_camera Mitin do BNG na Coruña o pasado mes de abril

O BNG non aparece como tal no inquérito do CIS, embora o instituto público se tiña comprometido coa formación nacionalista a respeitar a súa condición de forza con presenza relevante no Parlamento, nas deputacións e nos concellos do país. O Bloque Nacionalista Galego continúa a ficar englobado baixo o epígrafe Outros Partidos, tras o cal tamén se parapetaría a En Marea de Villares. Mais se tomamos como referencia os resultados dos últimos procesos electorais (xerais, 28A; municipais e europeas, 26M) é evidente que a parte do león da estimación de apoios que o CIS atribúe a Outros Partidos corresponderíalle á organización liderada por Ana Pontón [nas xerais do pasado 28A, o BNG obtivo 5,74% dos votos emitidos a candidaturas, en tanto que En Marea só alcanzou 1,08%].

Á hora de interpretar este CIS hai que ter en conta que só ofrece dados en bruto, isto é, non refinados na cociña do instituto demoscópico. O traballo limítase a recoller as respostas espontáneas das persoas entrevistadas, exactamente 195 na Galiza. Non hai por tanto ningunha valoración sobre por quen se acabarán inclinando as persoas indecisas ou como afecta o recordo de voto a verosimilitud dos resultados.

Tendo en conta todo isto, o pequeno universo das 195 persoas entrevistadas confirmarían a hexemonía do PSOE nunhas eleccións xerais, ao referendar por tanto o histórico resultado, por inédito, do pasado 28A, os primeiros comicios ás Cortes Xerais do Estado do presente réxime político en que o partido do puño e da rosa derrotou o Partido Popular.

En intención directa pura, o PSOE obtería na Galiza 38,1%, bastante por cima do promedio estatal (30,5). A segunda praza sería para o PP, con 15,5%, tamén abondo por riba do seu resultado no Estado (10,1). O terceiro posto no podio sería para Ciudadanos, con 6,7%, desta volta sensibelmente menos que a súa colleita no conxunto das comunidades autónomas (9,1%). 

En todo caso, Cs arrebataría a Unidas Podemos a condición de terceira forza política nas xerais. UP ficaría na cuarta praza se sumamos o 4,6% de Podemos e o magro 0,5 de IU. Sumarían 5,1% (7,9% no Estado). Ficarían por baixo do 5,2% de Outros Partidos, mais todo indica que en intención directa pura a formación de Iglesias si superaría o BNG, pois parte desa percentaxe, por pequena que sexa, hai que lla atribuír á En Marea villarista.

Canto a Vox, o seu resultado en intención directa é residual, só 1,5% (3,4% no Estado).

Voto máis simpatía

E cando sumamos o voto directo coa simpatía reparamos en que o inquérito deixa entrever a hipótese dunha sorte de empate técnico entre Unidas Podemos e BNG nun escenario de novas eleccións xerais. Neste epígrafe, o instituto presidido por José Félix Tezanos estima 5,6% de apoios para UP (4,6% para Podemos, 1% para IU), en tanto que Outros Partidos alcanzarían 6,2%.

Isto significaría unha mudanza moi sustancial a respecto das eleccións de abril, cando as candidaturas de Unidas Podemos case triplicaron en votos as do BNG (14,49% face 5,74%). En todo caso, os dados si mostran con clareza que a tendencia da formación de Iglesias no país é a unha sostida caída nos seus apoios, en tanto que o BNG continúa coa súa remontada.

Comentarios