Presentación do ensaio 'Os amorodos de Bergman'

O cinema como unha segunda oportunidade da memoria

Un cento de pezas dun minuto de duración, filmadas na Galiza entre 1925 e 1934 pola Sociedade de Amigos do Campo, conforman o material sobre o que o profesor Fernando Redondo Neira construíu o seu ensaio Os amorodos de Bergman, premio Ramón Piñeiro que se presenta esta terza feira, 2 de xullo, na libraría Couceiro de Compostela.

cuberta fernando redondo
photo_camera Detalle da cuberta de 'Os amorodos de Bergman', de Fernando Redondo.

Publicado por Galaxia, o libro “traslada a reflexión sobre a imaxe en movemento ao que se podería considerar unha teoría da percepción: o cinema como unha segunda oportunidade da memoria”. Faino a partir do valioso rexistro fílmico da Sociedade de Amigos do Campo, con base en Ferrol, liderada por Alfonso Piñón e integrada por membros da burguesía que procuraban coñecer o país e, dalgún xeito, documentalo. Dela chegaron a facer parte o alcalde socialista e galeguista do Ferrol republicano Xaime Quintanilla ou o veterinario Rof Codina.Os-amorodos-de-Bergman

As fitas, rodadas cunha cámara Packard 9,5 mm, están depositadas no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), que as restaurou. Á institución chegaran da man do seu director, Guillermo Escrigas, logo de 50 anos en caixas, con cadansúa etiqueta identificativa.

“A película é memoria feita cousas que se ergue ao mesmo nivel da vivencia”, subliña a editorial Galaxia na nota de lanzamento da novidade, “para os membros da Sociedade Amigos do Campo, o gravado pola cámara supoñía a posibilidade de enfrontar lembranza e representación, pasado e presente, sensacións e significado”.

As imaxes que serven de base a Os amorodos de Bergman recollen escenas costumistas, mulleres con olaría ou as rúas de Buño (Malpica) e, de maneira inaudita para a época, gravan por toda a xeografía galega, cando a maior parte do audiovisual galego primitivo facíao na costa.

Comentarios