O "cinema rural" atopa un fogar nas IV Xornadas Arraianas de Entrimo

Xurxo Souto entregará un galardón a Manuela Ribeiro
Manuela Ribeiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuela Ribeiro (Foto: Nós Diario).

Estamos de noraboa, porque hai un novo evento que resiste a terríbel vaga de adiamentos e cancelacións que asola o panorama cultural galego, á que onte mesmo se unía o Festival 27373 de Música en Galego de Begonte por "non poder garantir a seguridade das persoas" ante o feito de que "as recomendacións sanitarias van cambiando día a día".

Trátase das Xornadas Arraianas de Cine Rural de Entrimo, que da man do Concello, Arraianos Produccións e o Colectivo Arraianos desenvolverán a cuarta edición dun certame que terá lugar nesta localidade da Baixa Limia entre os días 7 e 8 de agosto.

Como non podía ser doutro modo, o cinema é o absoluto protagonista, e inmediatamente despois da inauguración, que será ás 22.30 horas da sexta feira 7 de agosto, proxectarán tres filmes: Olelas-O Ribeiro. A rota das concertinas; A malhada do centeio de Pitoês das Junias; e un terceiro título que non se descubrirá até o momento mesmo da proxección.

Por outra banda, no segundo e derradeiro día do certame está programado o nomeamento de Manuela Ribeiro como Arraiana Maior na Casa do Concello de Entrimo. Natural de Navais (Póvoa de Varzim), esta profesora e xornalista é distinguida polo seu labor como coordinadora do Encontro de Escritores de Expressão Ibérica ou de directora do Cine-Teatro Garrett e da Feira do Libro de Póvoa de Varzim.

A portuguesa recibirá o galardón da man do Arraiano Maior de 2019, Xurxo Souto, nun evento ao que sucederá unha sesión de narración oral de Celso Fernández Sanmartin ás 20 horas e un espectáculo dedicado a Carvalho Calero, nunha sesión ao aire libre na Alameda da Terrachán, que precederá ao feche definitivo destas IV Xornadas Arrianas ás 23.30 horas.

Comentarios