Crítica de cinema das sextas feiras

O cinema que non podes perder en 2019

30 lumes
photo_camera Un fotograma de "Trinta lumes", de Diana Toucedo

CINEMA GALEGO

 

O 2019 vén cargadiño de producións con selo galego. Só falta que o apoio sexa igual de forte “na casa” como fora. Non sei por que pero... dun tempo a esta parte, os premios e o recoñecemento internacional non semella suficiente para a pertinente recompensa a través dunha distribución minimamente decente ao longo das salas do país, salvo as excepcións que todos sabemos, claro... Un feito intolerábel que debe cambiar desde xa. Pero tamén é necesario un apoio masivo para que esa tendencia mude e os distribuidores non o dubiden dúas veces á hora de programar cinema galego. Así que... apoiemos o cinema feito na Galiza coa única maneira que temos na nosa man: enchendo as salas. En calquera caso co que nos agarda este 2019 non vai supoñer moito esforzo facelo...

 

Entre o máis destacado está Vaca Films que este ano presenta dous thrillers: un de drogas e vinganza con Luis Tosar á fronte titulado Quen a ferro mata (estrea en setembro), e outro, con deixes de terror, titulado Feedback (estrea en marzo), do publicista coruñés Pedro Corredoira Alonso que conta cun reparto internacional para o seu debut na longametraxe.

 

En febreiro chegarán dous documentais que xa puidemos catar no Festival Internacional Novos Cinemas de Pontevedra: a multipremiada Trinta Lumes de Diana Toucedo (ver Sermos Galiza nº327), ambientada no Courel; e Hamada do cineasta Eloy Domíguez Serén (ver Sermos Galiza nº328), que sitúa a acción nun poboado saharauí. A primeira poderase ver en salas comerciais a principios de mes de febreiro e a segunda dentro da programación mensual do CGAI, aínda que esperemos que tamén acabe chegando ás salas comerciais proximamente...

 

Tamén de produción galega poderemos ver Memorias dun home en pixama (xa en cines) ou a interesantísima historia de Elisa e Marcela de Isabel Coixet sobre dúas mestras galegas que casaron a principios do século XX.

 

E sen data concreta aínda, pero con estrea previsíbel ao longo do ano, temos: Aquilo que arde de Oliver Laxe, Arima de Jaione Camborda Coll, Longa noite de Eloy Enciso, Tempo vertical de Lois Patiño e María Solinha 2.0 de Ignacio Vilar. Sería sensacional podelas ver todas este ano.

 

 

A COSTA DE XANEIRO CHEGA ATÉ MARZO

 

Como é habitual, o ano comeza forte da man de festivais e premios cinematográficos como os Globos de Ouro, os Óscar, os BAFTA, os Goya ou a Berlinale que irán desfilando de xaneiro a marzo.

 

Neste período poderemos ver algúns dos filmes destacados nesta edición dos Globos de Ouro: O vicio do poder de Adam McKay (Globo de Ouro a Christian Bale), A favorita de Yorgos Lanthimos (Globo de Ouro a Olivia Colman e a que ten maior candidaturas -12- aos BAFTA), Green Book  de Peter Farrelly (con 3 Globos de Ouro), O blues de Beale Street de Barry Jenkins (Globo de Ouro a Regina King) ou o Van Gogh de Julian Schnabel onde poderemos comprobar se Willem Dafoe está a altura da mítica interpretación de Kirk Douglas.

 

En xaneiro chegarán varios filmes con cheiro a despedida: Glass, que porá fin á post-triloxía de súper heroes ideada por M.Night Shyamalan; Creed II que, previsiblemente, será o derradeiro filme da saga Rocky no que apareza Stallone; e The Old Man and the Gun, o (anunciado) derradeiro filme de Robert Redford antes de se retirar diante das cámaras.

 

A traca final do trimestre trae Benvidos a Marwen, o último de Robert Zemeckis cun Steve Carell empeñado en facerse actor serio, Mula de Clint Eastwood, Dolor e gloria de Pedro Almodóvar, Where’d You Go Bernadette de Richard Linklater ou o agardado biopic de O gordo e o fraco, protagonizado por John C. Reilly e Steve Coogan respectivamente.

 

 

FILMES ANIMADOS PARA TODOS (E NON TODOS) OS PÚBLICOS

 

Para os máis cativos da casa sempre hai unha boa escolma de cinema infantil e de debuxos animados. En xaneiro teremos nova historia arredor da aldea dos irredutíbeis galos: Astérix e o segredo da poción máxica e tamén unha película dos Lunnis: Os Lunnis e o libro máxico.

 

Febreiro comeza cun par de secuelas: A LEGO película 2 e Como adestrar ao teu dragón 3. Haberá que agardar ao verán para Mascotas 2 e a esperada Toy Story 4. Xa en setembro Angry Birds 2 e para novembro o prato forte de Disney: Frozen 2. Os pais e as nais xa están a tremer...

 

Non todo serán filmes pensados para vender merchandising, así que en marzo poderemos ver o último do mestre Mamoru Hosoda titulado Mirai, a miña irmá pequena. Promete.

 

Abril semella destinado para estreas dun público máis adulto, comezando co dramón adolescente dunha rapaza con cáncer titulado Quero comer o teu páncreas, pasando por Funan, que se inmisce no xenocidio cambodiano de 1975 ou Buñuel no labirinto das tartarugas, adaptación da banda deseñada de Fermí Solís.

 

Tamén haberá oco para outros formatos. Mesturando imaxe real e animación está Dective Pikachu (estrea en maio) ou Sonic, a película (estrea en decembro)... E para os amantes da stop-motion temos Mr. Link dos estudios Laika, todo un seguro... e a, de seguro divertida, Granxaguedon: a ovella Shaun, dos estudos británicos Aardman.

 

 

POPCORN, PIPOCAS E FLOCOS DE MILLO

 

“Para variar” haberá a sempiterna loita Marvel vs. DC. De feito é curioso que presenten no mesmo ano o spin-off da Capitá Marvel e o de Shazam!, tamén chamado Capitán Marvel ata que DC adquiriu os dereitos a principios dos 70. Casualidade? Non o creo... A Marvel dará o primeiro golpe en marzo coa Capitá Marvel (interpretada pola oscarizada Brie Larson) e DC devolverá o golpe en abril con esa versión de Big pero con poderes que é Shazam!. Desta volta DC ten pinta de que superará por moito a Marvel... Mais gañar unha batalla non significa gañar a guerra... Marvel reserva, tamén para abril, o seu prato forte: Vingadores: Endgame, o capítulo final de Infinity War. Pum!!

 

Haberá tamén reboot de Hellboy (estrea en maio), desta volta interpretado por David Harbour (o poli de Stranger Things) en troques de Ron Perlman (a cousa non pinta nada ben), e tamén do Joker (estrea en outubro), agora interpretado por Joaquin Phoenix en lugar de Jared Leto (aquí si pinta ben... pero que moi ben).

 

O comezo do verán dará pistoletazo de saída para todo tipo de secuelas, comezando por Men in Black International con Chris Hemsworth e Liam Neeson á cabeza (estrea en xuño), Godzilla rei dos monstros (estrea en xuño), a esperada Spider-Man Homecoming 2 (estrea en xullo), Kingsman 3 con Brad Pitt (estrea en novembro), Jumanji 2 (estrea en decembro) e para finais de ano, como non... —redobre— a xoia da coroa: Star Wars Episodio IX, que a día de hoxe anda sen título oficial.

 

Outros filmes palomiteiros, pero con certa entidade, son: a fantasía adolescente Artemis Fowl dirixida por Kenneth Brannagh (estrea en agosto), unha de ciencia ficción de Ang Lee titulada Gemini Man con Will Smith de prota (estrea en outubro), outra de cinema bélico da man de Roland Emmerich que presenta Midway (estrea en novembro) ou unha de misterio e crimes que proporá Knives Out, unha historia ao estilo “cluedo” repleta de estrelas de Hollywood.

 

 

U.S.A. GO HOME!

 

Como non todo vai ser cinema made in Hollywood, aí vai unha escolma de cinema internacional de calidade incuestionábel para non errar o tiro.

 

En xaneiro chega desde Suecia Border, Premio a Mellor Filme “Un Certain Regard” en Cannes; de Hungría Atardecer de László Nemes, Premio FIPRESCI en Venecia; e de Vietnam A terceira esposa, Mellor Filme Asiático en Toronto.

 

En febreiro irán pasando a colombiana Paxaros de verán de Ciro Guerra e Cristina Gallego; a marroquí Sofía, avalada co Mellor Guión “Un Certain Regard” en Cannes; a polaca Mug, Gran Premio do Xurado na Berlinale; a libanesa Cafanaúm, Premio do Xurado en Cannes; ou a chinesa A cinza é o branco máis puro de Jia Zhang Ke.

 

Desde Islandia chega en marzo A muller da montaña de Benedikt Erligsson (director da interesantísima De cabalos e homes) e o filme de aventuras Ártico, co polivalente Mads Mikkelsen. Tamén en marzo a paraguaia As herdeiras, Premio Especial do Xurado na Berlinale, e a comedia exipcia Yomeddine, entorno as aventuras dun leproso copto e o seu aprendiz.

 

Destaca tamén a alemá A sombra do pasado sobre o nazismo (estrea en abril), a norueguesa Utoya sobre a matanza terrorista do 22 de xullo de 2011 na illa homónima (estrea en abril) ou a surcoreana Parasite de Boon Joon-ho, o autor de Okja e The Host (estrea en maio).

 

NETFLIXPLOITATION

 

Para ben ou para mal, após da Roma de Cuarón, os filmes orixinais de Netflix chegaron para quedar entre nós. Agora haberá que ver se son quen de convivir coas estreas en salas comerciais ou quedan relegados á plataforma streaming.

 

A máis esperada é The Irishman de Martin Scorsese, cun elenco que quita o impo: Robert De Niro, Al Pacino, Joe Pesci, Harvey Keitel, Anna Paquin... e un longo etcétera. Ante a previsíbel demanda. esta si parece que terá paso polas salas comerciais.

 

Non será o único golpe de efecto. Varios directores de renome deixáronse seducir tamén por Netflix: o todopoderoso Michael Bay trae unha comedia de súper heroes que converte ao seu particular estilo grandilocuente e sen escatimar en custes; J.C. Chandor, director de O ano máis violento, dirixe Ben Affleck e Oscar Isaac no thriller de atracos Triple Frontera; e Steven Soderberg presenta un drama deportivo arredor do baloncesto con High Flying Bird.

 

Xa veremos en que acaba toda esta netflixploitation...

 

 

A MOVER O ESQUELETO!

 

O ano pasado Freddie Mercury tivo o seu biopic e pouco despois puidemos ver un comercial duns grandes almacéns que lle facían unha especie de homenaxe a Elton John nesa onda. Non debeu quedar satisfeito así que agora produce o seu propio biopic, titulado Rocketman (estrea an maio), e confíao a Dexter Fletcher, o director tamén do musical Amence en Edimburgo.

 

Para finais de ano un dos musicais de Broadway máis querido (e tamén odiado) será levado á gran pantalla... Trátase de Cats, o musical de Andrew Lloyd Webber. Veremos a Idris Elba, Taylor Swift, Ian McKellen ou a Judi Dench embutidos en cinguidos traxes de gatiños? Non sei vós pero eu a verdade é que non o vexo...

 

Será tamén un ano no que varios debuxos animados pasarán a imaxe real. A mediados de febreiro veremos se o remake de Alita de Robert Rodríguez fai honra (ou non) á mediometraxe de culto homónima de Hiroshi Fukutomi. Logo virán nada menos que tres adaptacións Disney, comezando por Dumbo que dirixe Tim Burton (estrea en marzo), Aladdin dirixida por Guy Ritchie (estrea en maio) e O rei león de Jon Favreau, aínda que neste caso non se traslada a personaxes reais propiamente dito, senón a través da tecnoloxía motion-capture (estrea en xullo). E por si fose pouco, en agosto temos, tamén en carne e óso, a mesmiña Dora a exploradora... si, si, escoitaron ben...

 

 

TÁ!

 

Na miña familia sempre se dixo TÁ! como onomatopea infalíbel para meter sustos. Agochábase un detrás da porta e... TÁ! Que chimpos pegabamos!... Agora que son pai trato de pasar este valioso legado para que non quede no esquecemento... A escolma que vén a continuación fixo que non usa esta avanzada técnica, pero de seguro que tamén mete igual o medo no corpo...

 

A canadense Verán do 84 (estrea en febreiro) trae un relato que tira da nostalxia ao estilo Stranger Things pero con asasino en serie. En marzo Ghostland, outro filme canadense con asasino en serie dentro, Escape Room e unha nova achega de Jordan Peele que presenta Nós, coa que promete seguir coa liña de terror social de Déixame saír (Óscar a Mellor Guión Orixinal).

 

Tamén teremos Stephen King por partida tripla. Primeiro chegará a adaptación de Cemiterio de animais (estrea en abril), en setembro a esperada segunda parte de It (novamente dirixida por Andrés Muschietti) e para finais de ano o remake de Firestarter (Ollos de lume) desta volta dirixida polo turco alemán Fatih Akin (Soul Kitchen, Na sombra). Promete.

 

Outras interesantísimas achegas serán: O fillo, que propón un “que pasaría se” un neno vido doutro planeta con superpoderes, en plan Superman, fose malo en vez de bo (estrea en maio); o director da arrepiante A bruxa, Robert Eggers, presentará O faro, con Willem Dafoe e Robert Pattinson; e o director de Hereditary, Ari Aster, trasládase a terras suecas en Misommar, un filme de costumes “raras” (estrea en agosto).

 

Como guinda ao pastel de carne tamén teremos segunda parte de Zombieland, na que repiten Jesse Eisenberg, Woody Harrelson, Emma Stone, Abigail Breslin e, como non, Bill Murray. Pos fale...

 

 

DOCUMENTAIS

 

Xénero deostado por antonomasia que sempre terá o seu oco nas salas comerciais que aposten por algo máis que os flocos de millo. Como xa anunciabamos ao principio, en febreiro teremos as flamantes estreas de Trinta lumes de Diana Toucedo e Hamada de Eloy Domínguez Serén. Dúas achegas para amantes do cinema etnográfico que chega a alma.

 

Para amantes da pintura hai unha boa chea de documentais e monográficos, pero destacan Os nenúfares de Monet (estrea en xaneiro) e Young Picasso (estrea en abril). En musica destacan Mulleres, de Coque Malla (estrea en xaneiro) e a inclasificábel Basque Selfie (estrea en febreiro), a historia dun músico enfrontado á demolición da súa casa familiar.

 

Febreiro será mes de documentais. Ademais do anterior tamén temos: Tres idénticos descoñecidos, que propón a historia de tres estraños que descobren que son trixemelgos (estrea en febreiro); A viva voz, que narra varias historias humanas que conflúen nun concurso de oratoria; e O libro de imaxes de Jean-Luc Godard... pouco máis que engadir.

 

Tempo tamén para achegarse a dúas grandes figuras do noso tempo. Unha será Maradona, dirixida por Asif Kapadia, responsábel tamén doutros documentais con nome propio como Amy (sobre Amy Winehouse) e Senna (sobre o piloto Ayrton Senna). A outra será O estado contra Mandela e os outros que narra o xuízo de Rivonia.

 

 

CINEMA DE AUTOR E INDIE

 

Haberá ración tamén para amantes do cinema indie. Entre o máis destacado temos Poderasme perdoar algún día?, un novo filme da directora de Diario dunha moza adolescente, Marielle Heller, que conta a verdadeira historia dunha escritora en horas baixas que se dedica a falsificar cartas de celebridades (estrea en febreiro). Harmony Korine dirixe Matthew McConaughey, Zac Efron, Snoop Dogg, Martin Lawrence e Jonah Hill en The Beach Bum, outra das súas extravagancias (estrea en marzo). A musa do indie Greta Gerwig ponse á fronte dunha nova versión de Mulleriñas de Louisa May Alcott (estrea en decembro).

 

E claro... deixamos o mellor para o final. Filmes que, con solo nomear quen os dirixe xa comezamos a salivar. Comeza o ano con Lars von Trier que presenta un filme de asasinos en serie titulado A casa de Jack, con Matt Dillon en plena faena (estrea en xaneiro). Claire Denis proba na ciencia ficción no filme espacial High Life que conta coa presenza de Robert Pattison e a impagábel Juliette Binoche (estrea en febreiro). Denys Arcand fecha a súa particular triloxía con A caída do imperio americano trinta e dous anos despois do seu declive (estrea en marzo). En agosto irrompe Quentin Tarantino para poñer todo patas arriba co seu thriller ambientado nos anos 60 titulado Once Upon a Time in Hollywood que trae consigo un reparto que reúne a meirande parte dos actores e actrices que traballaron baixo as súas ordes. Ganazas!!

 

Aínda sen data de estrea tamén apuntan a ir aparecendo ao longo do ano o último de... Hirokazu Koreeda (La Verité), de Taika Waititi (JoJo Rabbit), de Jim Jarmusch (The Dead Don’t Die), de Paul Verhoeven (Bendetta), de Brian de Palma (Domino) ou de Terrence Malick (Radegund). Veremos a ver...

 

Vémonos nos cinemas!

 

 

Comentarios