30 anos de Cinegalicia

O cinema galego que non foi

A estrea de Sempre Xonxa, Continental e Urxa en 1989 foi un deses acontecementos chamados decisivos. O cinema galego comercial iniciaba o que daquela semellaba a súa normalización. Mais as mudanzas políticas e do propio medio dificultaron o traxecto. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.
f7_FS_CinemaGalego
photo_camera Fotograma de "Sempre Xonxa".

m7_FS_CinemaGalegoOs axentes involucrados intuían un signo de normalidade. Ao final foi practicamente unha excepción. A existencia cotiá dun cinema galego e en galego, comercial, narrativo e popular, de ficción, non acabou de verificarse. Sempre Xonxa, Urxa e Continental, as primeiras longametraxes subvencionadas polo Goberno galego, estreadas hai 30 anos en Vigo no certame Cinegalicia, foron antes a culminación dun proceso que o inicio de nada.

Aquel novembro de 1989 sucedeu unha bifurcación. Tal e como lembra o profesor universitario e historiador Xosé Nogueira para Sermos Galiza, “foi a posta de longo dunha cinematografía que se quixo reconstruír xa desde os anos da Transición”. Percibe certos fíos que atan os colectivos underground, politizados, que gravaban en Súper8 durante os últimos anos do franquismo, e os filmes do 89. “Mais xa había un debate, sobre todo nas xornadas de cinema de Ourense, que enfrontaba o cinema militante e o cinema normalizado en canto a produción, distribución e exhibición”, sinala. É deste último do que Sempre Xonxa, dirixida por Chano Piñeiro; Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal; e Continental, de Xavier Villaverde, acabaron por ser síntese.

“A videocreación experimental foi moi potente nos anos 80 na Galiza, participaban en concursos internacionais, un pouco como agora o Novo Cinema Galego”, relata Manolo González a este semanario, “pero faltaba entrar nunha sala comercial, pagar unha entrada e pasar unha hora e media de cinema en galego. Iso foi Cinegalicia 1989”. González traballou ás ordes de Luís Álvarez Pousa na Dirección Xeral de Cultura do primeiro Goberno de Fernández Albor, que intentara despregar as primeiras políticas públicas galegas para o cinema.

O papel do tripartito

As tres longametraxes acabaron por se facer baixo o tripartito de González Laxe –formado por PSdeG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego–. “Ese Goberno involucrouse moito”, di González. Ademais das tres primeiras películas comerciais en galego, a Escola de Imaxe e Son ou o Centro Galego das Artes da Imaxe son produto daquel Executivo.

Nogueira entende aquel intre como o do “nacemento do cinema comercial galego”. E identifica dous repertorios na tríade inaugural, o dos “referentes populares propios” de Sempre Xonxa e Urxa, e Continental, para González “o máis estilizado, o de maior mirada autoral”. Pero o realmente decisivo, engade, foi “o premio a toda unha xeración, a normalidade. Por primeira vez o traballo cinematográfico era pagado e contaba, como en todos os demais países do mundo, con axuda pública”. Non durou moito.

A mudanza de goberno e a entrada de Fraga Iribarne na Xunta modificou a relativa progresión. “Non houbo continuidade. O pulo que cobra o sector máis adiante, nos 90, afortala unha visión industrial. É moi sintomático como mudou a expresión ‘cinema galego’ por ‘cinema feito na Galiza”, relata.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios