O cineasta galés Peter Greenaway participará no festival Curtocircuíto de Compostela

Un dos autores máis discutidos e celebrados do cinema independente dos anos 90, o galés Peter Greenaway, estará en Santiago de Compostela este sábado, 30 de setembro. Será a apertura da décimocuarta edición do festival Curtocircuíto, que se estenderá, cunha ambiciosa programación de filmes e música, toda unha semana.

o cineasta galés peter greenaway
photo_camera O cineasta galés Peter Greenaway.

Formado como pintor, Greenaway (1942) abalou o cinema estabelecido con filmes como O contrato do debuxante (1982), O ventre do arquitecto (1987), O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e o seu amante (1989) ou o tríptico As maletas de Tulse Luper (2003). "Desenvolveu as súas inquedanzas formais nunhas primeiras obras experimentais que evoluíron cara a un cinema narrativo e accesíbel", considera Pela del Álamo, director do certame compostelán. Exemplo de artista capaz en diversas disciplinas, a súa decantación cara ao cinema estivo adoito relacionada coa pintura, a súa historia e as súas técnicas.

No auditorio Abanca de Compostela, ás 18.30, o cineasta estabelecerá diálogo co público despois da proxección das súas curtametraxes Intervals (1969), H is for House (1973), Water Wrackets (1975) e A Walk Through H: The Reincarnation of an Ornithologist (1978).

O director finés Aki Kaurismaki ou o estadounidense Abel Ferrara foron os convidados especiais de Curtocircuíto en anteriores edicións. O festival é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela apoiada pola Deputación da Coruña e na que colabora de Agadic.   

Comentarios