Cincuenta e catro finalistas optan aos Premios da Música

O vindeiro 17 de decembro entregaranse en Pontevedra as estatuiñas da segunda convocatoria dos Premios Martín Códax da Música aos que optan 54 finalistas que se deron a coñecer nunha festa en Cambados. O único garantido é o Premio Honorífico á banda de rock progresivo N.H.U. 

Finalistas dos Premios da Música
photo_camera Finalistas dos Premios da Música

Nunha festa nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados, déronse a coñecer os finalistas ás distintas categorías dos Premios da Música convocados por Músicos ao Vivo. Nesta nova edición foron 360 os proxectos presentados o que demostra, segundo o voceiro de Músicos ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, a “implicación dos músicos galegos unha vez máis neste proxecto ilusionante”. Destacou tamén que a páxina web dos premios xa está consolidada como a “plataforma de música galega máis importante do momento”. 

Ataque Escampe, Silvia Penide e Los Chavales optan na categoría pop e indie; Cró, Narf Trío e The Cornelius a rock; Cats and Monkeys, Bakin Blues Band e Víctor Aneiros a blues, funk & soul; Sumrrá, Felipe Villar Trío e Xan Campos Trío a jazz e músicas improvisadas; Wöyza, Som do Galpom e Aid a hip-hop e músicas urbanas; Orquestra Vigo 430, Sounding Images e Samuel Diz a música clásica e contemporánea; Vaamonde, Lamas e Romero, Cuarteto Caramuxo e Caxade a folque; Treixadura, Davide Salvado e Malvela a música tradicional galega; Dos fíos invisibles chegan as cores, Trilitrate e 2uS a músicas do mundo; aCadaCanto, Xoel López e Xoán Curial a canción de autor; Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc, Xiqui Xoque Fiú Fíu e Golfiños a música infantil; Sub Rosa, Pálida e Chrysalid9 a electrónica; Aphonnic, Nao e Machina a metal, Zamaramandi, Dakidarría e Transilvanians a reggae, ska e mestizaxe e Os Modernos, Los Satélites e Claxxon a orquestras, grupos e músicas de verbena. 

Tres son tamén as salas que inauguran a nova categoría dos Premios da Música, a Aturuxo, a Garufa Clube e a Capitol mentres que Espazos Sonoros, Festigal e Festival Sinsal Son Estrella Galiza son os finalistas da ampla xeografía de festivais musicais do país. GZMúsica, Planeta Furancho e Tres Peixes Voando teñen opcións de recoller o primeiro dos premios á comunicación musical. 

Comentarios