Cimeira do BNG para coordinar a política municipal reunirá máis de 200 representantes locais

A formación nacionalista considera “clave” o traballo que se desenvolva nos concellos para abrir un tempo novo nas eleccións galegas. 

FOTO CONSELLO NACIONAL BNG 8-6-2019
photo_camera Foto dun Consello Nacional do BNG

Máis de 200 alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras do BNG reuniranse en Compostela este domingo, 7 de xullo, nunha cimeira municipal para debater e estabelecer unha planificación da política local a medio prazo e asumindo a importancia destas para pular por un “novo tempo político” nas eleccións galegas de 2020.

A formación nacionalista explica nun comunicado que quere aproveitar que é unha “forza política á alza” para visibilizar que ten un proxecto “solvente e serio para o país”. Após os comicios do 26M, o Bloque suma un total de 456 concelleiros e concelleiras, 195 mulleres (42’76 %) e  261 homes (57’24%), dos que debutan por primeira vez na política municipal un total de 33% das electas.

A xornada será inaugurada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e contará coas intervencións da responsábel de estratexia no ámbito municipal,  Eva Villaverde; da coordinadora xeral desta área, Carme da Silva; e da responsábel de iniciativas políticas locais e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Tamén terán unha intervención específica persoas como Evencio Ferrero (Carballo), Beatriz Bascoi (Moeche), Diego Lourenzo (Verín) ou Marcos Suárez (Moraña).

En palabras da coordinadora da xornada, Eva Villaverde, “este encontro é ademais unha oportunidade física de compartir a enerxía, o entusiasmo, e a ilusión que nos une como formación política que está afrontando un momento de crecemento no apoio social”.

Comentarios