A CIG urxe a ministra de Traballo a derrogación das reformas e o respecto ao marco galego de relacións laborais

Unha representación do sindicato nacionalista mantivo no Ministerio de Traballo a reunión solicitada para trasladar as súas proposta en materia laboral e social á ministra, Yolanda Díaz. 
Reunión da CIG coa Ministra de Traballo (Ministerio de Traballo)
photo_camera Reunión da CIG coa Ministra de Traballo (Ministerio de Traballo)

Esta segunda feira tivo lugar a reunión entre a CIG e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Tal e como explica o seu secretario xeral, Paulo Carril, con esta reunión "demandamos a apertura dun diálogo institucional respectuoso con nós, como sindicato máis representativo e hexemónico na Galiza".

Carril afirma que "instamos a ministra a que se rectifiquen as formas da negociación e que se teña en conta a existencia dun sindicalismo como o que nós representamos e a aplicar as recomendacións da Carta Social Europea", segundo a que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ten que ser de, como mínimo, 60% do salario medio, arredor dos 1.200 euros. Para a central nacionalista o incremento tría que ser de aplicación directa.  

Derrogación das reformas

A delegación da CIG que participou na xuntanza fixo entrega da proposta que ten elaborada a central sindical en materia laboral, social e da negociación colectiva. Unha iniciativa que, tal e como explica Carril, "ten como base a necesidade da creación de emprego digno, o que pasa necesariamente pola derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva como única vía real de evitar o risco de consolidación dunha situación social sen saída, porque hoxe ter un traballo ou unha pensión xa non garante vivir dignamente". 

Por iso, coa intención de facer fronte á precariedade, aos baixos salarios e á pobreza laboral, a delegación da CIG tamén demandou unha axenda social contundente e, na liña da declaración asinada polas centrais sindicais nacionalistas a semana pasada en Bilbo, puxo sobre a mesa o necesario "respecto polos marcos propios de relacións laborais e de negociación colectiva". 

Rectificación de decretos lexislativos

Noutro bloque de demandas, a representación da CIG instou á corrección de decretos lexislativos aprobados polo anterior Goberno, como o que ten que ver co rexistro de xornada -para o que presentará a proposta defendida pola central sindical- e a necesidade de recoller os dereitos relativos á xubilación parcial para favorecer a creación de emprego.

A ministra de Traballo recolleu as propostas trasladadas pola central sindical nacionalista, comprometeuse a estudalas e a darlles unha solución. A reunión tivo lugar no marco da campaña iniciada o pasado día 3 de decembro pola CIG, cunha asemblea de delegadas e delegados e unha mobilización en Compostela, que tivo continuidade coas convocadas nas sete cidades galegas baixo o lema 'Recuperar os dereitos para avanzar'. 

Comentarios