A CIG sae en defensa das auxiliares de Meirama

A central sindical exixe alternativas de emprego para o persoal das auxiliares da térmica de Meirama unha vez consumado o seu fechamento.
Concentración das auxiliares ás portas da central térmica de Meirama (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración das auxiliares ás portas da central térmica de Meirama (Foto: Nós Diario)

A CIG realizou onte unha concentración ás portas da central térmica de Meirama para exixir alternativas de emprego para o persoal das auxiliares, que esta terza feira recibiron a carta de despedimento sen teren perspectiva de recolocación e sen que exista ningún proxecto industrial e de emprego alternativo para a comarca.

Segundo denuncia o sindicato, a falta de compromiso por parte de Naturgy chega até o punto de que a eléctrica nin sequera conta con estas traballadoras e traballadores para as obras de desmantelamento da central, que se prolongarán polo menos durante os próximos catro anos. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, indica que tanto as auxiliares como Naturgy "negáronse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo nas contratas", deixándolles como única saída ir ao paro. 

"Non resulta entendíbel que, habendo actividade inminente na central nas tarefas de desmontado, este persoal entre no desemprego e Naturgy siga facendo o que lle pete sen asumir ningún tipo de responsabilidade social polo dano causado pola produción de enerxía", afirma Carril.

Xunto a isto, critica que, a pesar de que estes despedimentos materializan o fechamento das instalacións, o Goberno español aínda non concretou proxectos e medidas para a comarca dentro da estratexia de transición, nin avanzou plans específicos para dar solución ao futuro laboral dos traballadores e das traballadoras. E iso que a térmica de Meirama foi unha das primeiras para as que se anunciou o cese da actividade. 

Neste senso, Carril advirte que descarbonización da economía no noso país está a ser "un proceso de desmantelamento total, para nada un proceso de transición", ao tempo que denuncia que "en realidade, estamos asistindo a unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais que xa vivimos". Por iso urxe as administracións a pór solucións para que a transición sexa realmente xusta e democrática no social e no territorial.

Por outra banda, Carril acusa a Xunta de deixamento de funcións pois, a pesar de ter competencias en emprego e industria, "está máis preocupada por garantir a posición de privilexio de Naturgy que por buscar solucións e proxectos de reindustrialización para a bisbarra".

Comentarios