A CIG protesta contra a “extorsión de Coren” aos traballadores

A CIG convocou en Ourense na mañá desta terza feira, 9 de xullo, os traballadores de Coren para protestar contra o que entende “extorsión” da empresa aos traballadores “para impedir a dignificación das condicións de traballo”. A concentración fai parte da campaña do sindicato contra a represión na cárnica que provocou o despedimento dun empregado por ir nas listas da CIG.

2019-07-09_Coren_Ourense_016
photo_camera Concentración de traballadores de Coren esta terza feira, 9 de xullo, en Ourense. Foto: CIG.

O secretario xeral da central nacionalista Paulo Carril falou ao remate da protesta e comprometeuse a continuar a loita “contra a trama de escravitude dos falsos autónomos e das falsas cooperativas”. “A loita contra a precariedade e a explotación pasa necesariamente porque haxa un comité de empresa autenticamente representativo da defensa dos intereses das traballadoras e traballadores de Coren”, engadiu.

Carril atacou a actuación da dirección da compañía, “moito máis intensa e feroz”, coa que “pretende frear as denuncias da CIG para acabar coa fraude dos falsos autónomos”. O sindicalista foi extremadamente contundente: “Estamos fartos e fartas de toda a extorsión, a estrutura caciquil e mafiosa que ten Coren para impedir a dignificación imparábel das condicións de traballo”.

Paulo Carril enmarcou a mobilización deste 9 de xullo na “defensa da liberdade sindical” e esixiu a “democratización das relacións laborais en Coren como paso previo e imprescindíbel para a dignificación das condicións de traballo”. “Non imos parar até dobrarlle o brazo a toda a industria cárnica para acabar cos falsos autónomos e as falsas cooperativas”, concluíu.  

Comentarios