A CIG mantense como primeira forza sindical na comarca de Vigo

A central nacionalista atinxiu 1.175 delegad@s, o 32% da representación. Primeira forza en sectores como Industria, Servizos ou Construcción; así como nas catro zonas da unión comarcal: Vigo, O Porriño, O Morrazo e Baixo Miño.

Manifestación da CIG (Arquivo)

A CIG revalidou a súa posición de primeira forza sindical na comarca de Vigo no periodo concentrado de eleccións sindicais (2012-2015) que finalizou o pasado 31 de decembro. A central nacionalista obtivo 1.175 delegad@s, un 31,96%, case 200 representantes máis que a segunda forza, CCOO, que obtivo 986. UGT atinxiu 931 delegados e 585 foron para outras candidaturas, segundo explicaron os secretarios Comarcal e de Organización, Alberto Gonçalves e Anxo Igrexas, e pola responsábel de Eleccións Sindicais da executiva comarcal, Raquel Pérez.

A nivel sectorial, a CIG é primeira forza no conxunto da Unión Comarcal (Vigo, O Morrazo, Porriño e Baixo Miño) en Servizos (36,14%), Industria (34,27), Construción e Madeira (37,43%), Banca e Aforro (31,56%) e Administración pública (34,34%). Na Saúde (19,57%) e na FGAMT (28,55%) o sindicato nacionalista continúa como segunda forza, mentres que ocupa a terceira posición a nivel formal no Ensino (14,83%), porén, sinala a central, “este dato non se axusta á realidade pois hai un número significativo de representantes sindicais do sector que computan na comarca de Pontevedra”. Por Unións Locais, a CIG tamén é primeira forza sindical nas catro existentes: Vigo (30,57%), O Morrazo (33,60%), Porriño (34,59%) e Baixo Miño (57,50%).

A CIG incide en que acadou este resultados “embora ter todo en contra, xa que o empresariado non cesou na presión, ameazas e represalias para evitar que a central obtivese representación"

Os representantes da CIG-Vigo cualificaron estes resultados de significativamente positivos embora se ter producido un retroceso porcentual con respecto ao período anterior, xa que se desenvolveron no marco do cuadrienio máis duro da vixente crise económica.

Outra das cuestións sobre a que fixeron fincapé na rolda de prensa foi o feito de que a CIG acadou este resultados “embora ter todo en contra, xa que o empresariado non cesou na presión, ameazas e represalias para evitar que a central obtivese representación. Tamén influíron as prácticas sindicais doutras centrais que se valen da hostilidade patronal cara ao sindicalismo nacionalista e de clase para aumentar a súa representatividade, incorrendo mesmo en formas de pactismo que ameazan a independencia da representación sindical”.

Comentarios