A CIG leva ante Inspección de Traballo o inicio do curso nas escolas infantís

A CIG denuncia a falta de protocolos "serios" que garantan un inicio do curso seguro
Representantes da CIG diante da Consellaría de Política Social (Arxina).
photo_camera Representantes da CIG diante da Consellaría de Política Social (Arxina).

A CIG rexistrou de forma telemática unha denuncia ante a Inspección de Traballo na Galiza para exixir ao Goberno galego que garanta "unha reapertura segura" das escolas infantís, algo que, entenden, non pode asegurar agora xa que non se realizaron avaliacións de riscos laborais en cada centro nin hai, ao seu xuízo, "protocolos serios" contra a covid-19.

Zeltia Burgos explicou, acompañada de varios delegados sindicais reunidos fronte ás instalacións da Consellaría de Política Social, que "a día de hoxe" non se facilitaron os horarios de traballo ás traballadoras, que se incorporan o 1 de setembro, e non se sabe "como van ser eses chamados grupos burbulla".

Estes grupos, pensados para que os integren sempre os mesmos nenos e os mesmos profesionais ao seu cargo, son "a medida fundamental a medio e longo prazo" para o coidado dos máis pequenos, dixo Burgos, que pediu que se garanta a parella educativa en todos os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Alumnado desatendido

Este modelo, que supón a existencia de dous profesionais a cargo dun grupo determinado de menores, non é o que se aplica en todos os centros dependentes da Consellaría de Política Social, de modo que nos casos nos que non o hai, se un bebé presenta síntomas, queda illado e se activa o protocolo de covid-19, "o resto dos bebés quedarían sós", expuxo a sindicalista. O protocolo "unilateral" da Xunta, agregou, é "inaplicábel e inasumíbel" se non hai un incremento de persoal, manifestou.

En opinión de Burgos, "non chega" con que os pais non poidan acceder ao interior e deban levar máscara. "Iso non son medidas preventivas serias", protestou, e destacou que "non hai avaliación de riscos laborais en cada centro". A isto engadiu que unhas 2.000 traballadoras aínda non saben como van ser os seus horarios de traballo nin como se resolven as medidas de conciliación solicitadas ou como deben afrontar as tarefas se están embarazadas. "É a 'pescadilla' que se morde a cola e é unha inseguridade total para os compañeiros, para os nenos e para as familias", criticou.

Por iso, pediu á autoridade laboral que tome medidas e "obrigue a que se fagan avaliacións e uns protocolos serios e de forma consensuada con toda a comunidade".

Comentarios