CIG critica que o estatuto electrointensivo “provoca máis agonía” ao sector

O sindicato presenta alegacións ao texto en base á súa proposta de tarifa industrial.

D2quJEoXcAA_T17

A CIG presentou alegacións ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos elaborado polo Ministerio de Industria por entender que as propostas do mesmo son “insuficientes”, e que "provoca máis agonía e dificulta unha solución á problemática” do sector.

Paulo Carril, secretario xeral da central, remarcou o valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, tanto polo que representa no PIB como por ser factor relevante na produción industrial.

A CIG demanda liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico (primas ás renovábeis, aos custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario); e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercutan na tarifa eléctrica que pagan os consumidores. Defende aliás que se contemple a máxima compensación permitida pola UE por C02. De igual xeito, co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a central propón retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

Xunto a isto, Paulo Carril apuntou que as obrigas no ámbito do emprego e a actividade produtiva recollidas no artigo 14 do proxecto de estatuto resultan insuficientes para garantir o emprego e a actividade.

Dentro do calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver para urxir dos gobernos solucións para a industria con grandes consumos enerxéticos, a central ten convocada unha concentración para esta quinta feira, 28 de marzo, ás 17:30 horas, diante da fábrica de Ferroatlántica de Sabón.

Comentarios