CIG-Ensino pide a demisión do conselleiro polo caos que ten no aire o destino de 8.000 docentes

Uns 8.000 profesores e profesoras non saben a tal altura onde impartirán aulas o curso que vén. A sentenza que invalidaba o concurso de traslados da Consellaría de Educación está a crear un fiasco sen precedentes polo que a CIG-Ensino reclama a demisión do responsábel, Jesús Vázquez. 

CIG Ensino
photo_camera CIG Ensino

Arredor de 8.000 profesores e profesoras descoñecen o destino no que impartirán aulas o próximo curso. Nin saben o centro nin tampouco cando e como a Consellaría de Educación resolverá a situación de caos provocada despois de se facer pública a sentenza que invalidaba o baremo de puntuación aprobado de maneira unilateral polo propio departamento de ensino da Xunta. A CIG-Ensino reclamou esta segunda feira responsabilidades políticas polo caos e a demisión do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que máis unha vez ve como unha decisión xudicial tomba a súa xestión. 

A administración educativa só fixo público que acataría a sentenza sen presentar recurso mais neste momento aínda non informou sobre o camiño que vai tomar para resolver a situación, cun atraso xa considerábel na adxudicación de prazas que afecta a persoas que están en situación de interinaxe, desprazamento ou supresión. “Denunciamos as graves consecuencias derivadas da xestión dun conselleiro que non asume responsabilidades. A situación é de desatino absoluto e non deixa de ser un exemplo máis dunha actuación permanente da actuación dunha Consellaría que nin se digna a tratar estes temas coas organizacións sindicais”, explica Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino que esta mañá se concentrou diante das dependencias de San Caetano, en Compostela.

Ronsel de sentenzas en contra

“Estamos diante do comportamento dunha consellaría que ten consecuencias irreparábeis e tome a decisión que tome vai afectar o profesorado”, engade Anxo Louzao que esixe que se arbitren as medidas oportunas para resolver o conflito do que é causante a propia administración e, por outra, a demisión do propio cargo máximo, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que, segundo di, “ten obriga por principio democrático de asumir as responsabilidades políticas”.  Lembra Louzao que a traxectoria de Vázquez “está cargada de sentenzas en contra. Só no último mes a xustiza declarou ilegais os concertos que segregan por razón de sexo e os despedimentos do profesorado CELGA”. 

No concurso de traslados que agora está no aire, presentáronse arredor de 8.000 docentes e déronse 1.600 novos destinos. A aplicación dun novo baremo modificaría a adxudicación que foi comunicada, introducindo novos nomes á listaxe de adxudicacións e eliminando outros polo cambio de puntuacións. Da situación son afectadas directas as persoas que están á espera de destinos para o vindeiro curso, é dicir, os grupos de interinos, desprazados ou suprimidos. Polo de agora, descoñécese cal vai ser o camiño que elixa a Consellaría e as datas para que os profesores e profesoras saiban os seus destinos para o vindeiro curso. 

Comentarios