De "despilfarro" tachan desde o sindicato CIG-Saúde a posibilidade, anunciada o pasado domingo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de recorrer a hospitais de campaña en cidades como A Coruña e Compostela para afrontar a necesidade dun maior número de camas hospitalarias e o aumento da presión asistencial derivada da incidencia do coronavirus, no canto de recorrer o Servizo Galego de Saúde (Sergas) aos recursos da sanidade privada.
"Na Galiza hai centros hospitalarios privados infrautilizados que poderían colocar ao dispor da sanidade pública as súas camas e equipamentos", observa a central sindical, que considera "incomprensíbel" a opción de levantar hospitais "extramuros" cando o decreto de declaración do estado de alarma "obriga os centros privados a pór a disposición da sanidade pública non só as súas instalacións, senón tamén o seu persoal".
No caso de Compostela, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou os contactos coa Consellaría de Sanidade para o acondicionamento do multiusos Fontes do Sar para empregalo como hospital, en caso de ser necesario. Na Coruña, fontes municipais indican a Europa Press que tamén o Sergas está a estudar a viabilidade de estabelecer un hospital de campaña en recintos como ExpoCoruña.
A CIG-Saúde reclama do Sergas información dos motivos clínicos que levan a valorar a posibilidade de instalar hospitais de campaña nesas áreas sanitarias, así como o gasto desta medida. "Agardamos que a decisión de manter fóra da asistencia da COVID-19 a rede de centros privados non sexa preservala e que, unha vez pasada a curva da pandemia, a estes centros se derive a cirurxía concertada que está suspendida", advirte o sindicato.
CCOO pide probas a todo o persoal
Pola súa banda, o sindicato CCOO reclamou onte á Consellaría de Sanidade que realice a proba da COVID-19 a todo o persoal do ámbito da sanidade e da dependencia, "quen está na primeira liña da loita contra a pandemia", ante o "aumento cada día" do número de contaxios.