CIG chama á mobilización para derrogar as reformas laborais ante a “consolidación da precariedade”

Asembleas e mobilizacións do sindicato en oito vilas e cidades galegas para exixir do goberno español a derrogación desas medidas.

mani Vigo cig

A CIG realizou esta quinta feira asembleas e mobilizacións en oito comarcas do país para exixir ao goberno español a derrogación das reformas laborais. Para a central nacionalista, mentres se manteñan as políticas e medidas ao abeiro destas “contrareformas laborais”, seguirá a aumentar “a precariedade, a explotación, a pobreza laboral e a emigración”.

A central sitúa a perda de dereitos n as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva aprobadas polo PSOE e o PP “coa escusa da crise”, e ao recorte de servizos públicos e de liberdades. A isto súmase na Galiza “a dura crise que atravesa o sector industrial”.

asemblea cig compostela

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, durante a concentración na Coruña  afirmou que "o modelo de relacións laborais xurdido das reformas facilita este desmantelamento industrial, do que temos o exemplo máis tráxico nas fábricas de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal”.

Aproveitando a mobilización, a central nacionalista entregou un escrito dirixido ao presidente do Goberno e ao Ministerio de Traballo no que se recollen as reivindicacións e propostas da CIG para a nova lexislatura e onde demanda un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais "que nos permitan camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións dignas".

O secretario xeral da CIG lamentou que CCOO e UGT aposten por continuar no diálogo social e non pola mobilización. "As solucións non virán por concesión do poder económico e político que nos impón esta dura situación. Tampouco a través do diálogo social, pois como ocorre co IV Acordo Marco de Negociación Colectiva, só axuda a perpetuar a reforma laboral e o empobrecemento dos salarios".

Comentarios