A CIG, CCOO e UXT urxen medidas urxentes polo aumento do desemprego

A fin do verán trae malos datos para o emprego na Galiza. Aumentan en 1.640 as persoas sen traballo polo que suman agora un total de 176.951. Os sindicatos CIG. CCOO e UXT alertan desta situación e das súas consecuencias e instan as Administracións a adoptaren de maneira urxente as medidas necesarias.    
Oficina de emprego na Galiza (Europa Press)
photo_camera Oficina de emprego na Galiza (Europa Press)

O mes de agosto, marcado como os anteriores pola pandemia da Covid-19, trouxo malas novas para o emprego. Segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social aumentou, en relación a xullo deste mesmo ano, en 1.640 o número de desempregadas inscritas nas oficinas públicas de emprego. A día de hoxe xa son 176.951 as persoas que non teñen traballo na Galiza.  

A CIG urxe a derrogación da reforma laboral

Nunha rolda de prensa en Compostela, o secretario  xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou "o drama real" daquelas traballadoras e traballadores que sufriron despedimentos debido á crise sanitaria, e remarcou a "urxencia" de derrogar a reforma laboral e que as empresas teñan a "obriga" de reincorporar os traballadores en expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE). 

O secretario confederal de Emprego e Industria da central nacionalista, Fran Cartelle, incidiu desde Vigo na necesidade de ter a capacidade de controlar os recursos propios. "Temos que fechar os ciclos produtivos no país para pór a economía ao servizo da maioría social, creando emprego de calidade que nos permita vivir dignamente na nosa terra", sinalaou ao tempo que indicou que "é evidente que cando os nosos sectores produtivos están en mans de empresas privadas estas dedícanse a especular coa intención única de facer negocio, xerando precariedade e desigualdade". Por iso entende que non só é preciso mudar as leis, senón que o obxectivo ten que ser cambiar o sistema económico e social.

CCOO alerta da falta de contratación

Desde CCOO alertan de que estas cifras constatan a finalización da contratación de temporada e a minoración da actividade. Sinalan que no último mes fixéronse nove contratos por cada nova alta á seguridade social, polo que "Galiza experimenta unha contratación de 25% menor que o mes anterior e 31% inferior a un ano antes". Segundo a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, "isto é preocupante" e engade que "se lle engadimos a situación sanitaria, con novos gromos non controlados, atopámonos coa necesidade urxente de medidas de estímulo á actividade, de mantemento do emprego e de apoio á conciliación da vida laboral, familiar e persoal", subliña. 

UXT propón priorizar a seguridade sanitaria

Polo seu lado, UXT salienta nun comunicado de prensa que "é preciso frear a pandemia e asegurar a reincorporación dos traballadores con seguridade", tamén mediante a "reversión" da reforma laboral e unha política económica "expansiva".

Este sindicato lamenta a "magnitude" dos efectos da Covid-19 no emprego e na economía e reivindica "o inicio do diálogo social para estabelecer un plan de choque polo emprego de calidade para unha reconstrución social xusta". Ademais desde UXT indican que nos datos achegados este mes "as mulleres e a mocidade seguen sendo os colectivos máis perxudicados" e poñen como exemplo que o desemprego na Galiza afecta un total de 101.826 mulleres fronte 75.125 homes.

Comentarios