Asemblea no seu 25º aniversario

CIG apela á forza da loita sindical

O Auditorio do Pazo de Congresos de Compostela reuniu esta terza feira delegadas e delegados de CIG para celebrar, en Asemblea, o seu 25º aniversario. O acto serviu para marcar as liñas básicas de actuación sindical para os vindeiros meses nun contexto difícil a nivel político, económico e laboral.

Asemblea da CIG 25º aniversario (CIG)
photo_camera Asemblea da CIG 25º aniversario (CIG)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) realizou esta terza feira 3 de decembro no Pazo de Congresos de Compostela a súa Asemblea nacional de delegadas e delegados na que se conmemorou o 25 aniversario da central sindical. O acto, aberto ao público, constou de dúas partes. Unha primeira coa presenza dos secretarios xerais que desde aquela a lideraron e unha segunda na que o seu secretario xeral, Paulo Carril, realizou unha valoración da situación sociopolítica, económica e laboral actual e resumiu as liñas de acción sindical acordadas para enfrontala.

A asemblea rematou antes do previsto ao non ter lugar o debate final por non haber intervencións. O propio secretario xeral sinalou a Sermos Galiza que esta circunstancia explica moi ben “o nivel de cohesión e unidade interna que fai entendíbel que hoxe sexamos a primeira forza sindical e teñamos unha capacidade de adaptación social tan enorme”. Ao remate da Asemblea delegadas e delegados participaron nunha manifestación até os edificios administrativos da Xunta en San Caetano.Paulo Carril, secretario xeral de CIG na Asemblea 25º aniversario (CIG)

Ampliar a maioría sindical

Na súa intervención na asemblea Paulo Carril resumiu a traxectoria da central sindical e os 25 anos de CIG, lembrando tamén “os 40 anos de sindicalismo nacionalista”. O feito de seren a primeira forza sindical da Galiza ten para o secretario xeral o valor de seguir cara a adiante. “Agora o noso grande reto colectivo está en consolidar e ampliar esta maioría sindical”, sinalou diante de delegadas e delegados. Neste sentido, aclarou que hai que manter esa maioría que “non se gaña dunha vez e para sempre”. CIG ten “o poder económico e o poder político” diante e non dubidará en “recruar a súa ofensiva” e “mesmo aplicarse en pretender negar a nosa existencia ou presentala como irrelevante”. Por este motivo a intención é “consolidar este avance no plano organizativo e ideolóxico”.

Actualización sindical

A análise que realizou Paulo Carril nesta asemblea tivo como protagonistas a crise industrial, o empobrecemento xeneralizado, a destrución de emprego e a extensión da pobreza salarial. En relación ao proceso de descarbonización, salientou que Galiza ten “un nivel de exixencia tan alto de cumprimento de redución de CO2 como se fósemos unha nación soberana e industrializada do nivel de Alemaña ou Franza”. O secretario xeral de CIG advertiu que deste proceso “non podemos saír sendo as únicas e únicos en asumir os custos desta reconversión”.

Paulo Carril salientou como problemas a crise industrial, o empobrecemento xeneralizado, a destrución de emprego e a extensión da pobreza salarial

As novas relacións laborais que se impoñen no mercado illan a traballadoras e traballadores. En relación a este problema Paulo Carril asegurou a Sermos Galiza que CIG leva anos adaptándose a esta circunstancia. “Estivemos nas denuncias contra falsos autónomos na industria cárnica, loitamos contra o proceso de precariedade salvaxe que se dá na asistencia de axuda o domicilio e participamos nas loitas da industria auxiliar”.

O BNG como altofalante das reivindicacións nacionais

No seu discurso na Asemblea Paulo Carril denunciou o “patético papel de bufón da corte madrileña” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. O secretario xeral de CIG explicou que o Goberno do PP na Galiza “está descaradamente ao servizo dos Fondos de Investimento e do sistema español do 78”.

A consecución do escano do BNG no Congreso mudará a situación, tamén para as reivindicacións sindicais. Paulo Carril sinalou a Sermos Galiza que “a presenza do nacionalismo en Madrid é fundamental para facer de altofalante das denuncias e as propostas que a CIG fai do que está a pasar no noso país”.

Nese contexto estatal o secretario xeral de CIG explicou que hai unhas semanas puxeron en marcha “un chamado ao sindicalismo nacionalista e de clase das outras nacións do Estado para que se veñan con nós a unificar unha análise”. A intención é elaborar unha axenda “na que interpelar e emprazar o soberanismo a efectos de que faga valer a súa presenza diante o vindeiro Goberno que haxa”.

A central sindical quere “romper o marco estatalizado e centralista de relacións laborais e exixir o respecto ao dereito aos marcos propios no ámbito laboral”, é dicir “desenvolver o marco galego de relacións laborais, como o marco vasco ou o marco catalán”. Carril apuntou que é urxente “un profundo cambio na política” que pasaría pola “derrogación das reformas laborais que están a xerar precariedade e pobreza”. No caso galego a exixencia vai máis alá e implica “o dereito a ter unha industrialización e capacidade de decidir e de conseguir crear emprego aquí e non fóra do noso país”.

Comentarios