Opinión

Cidadáns como complemento do PP

En política as cousas non pasan por casualidade, senón que teñen unha explicación. Situémonos en 1982 cun goberno de maioría absoluta do PSOE. Os poderes fácticos consideraban que, despois da descomposición da UCD e para frear a consolidación no goberno do PSOE, era necesario impulsar unha alternativa de centro para todo o Estado. 

En política as cousas non pasan por casualidade, senón que teñen unha explicación. Situémonos en 1982 cun goberno de maioría absoluta do PSOE. Os poderes fácticos consideraban que, despois da descomposición da UCD e para frear a consolidación no goberno do PSOE, era necesario impulsar unha alternativa de centro para todo o Estado. Así aparece en 1984 o chamado Partido Reformista Democrático (PRD), que agrupaba a distintos partidos como o Partido Demócrata Liberal de Antonio Garrigues Walker, Unión Mallorquina, Partido Riojano Progresista etc.

Para liderar o proxecto elixiron a Miquel Roca i Junyent, redactor da Constitución e dirixente de CIU; Garrigues Walker (foi membro da Trilateral, que agrupa a dirixentes políticos e empresariais de Estados Unidos, Europa e Xapón) como presidente; o empresario Florentino Pérez (concelleiro de Madrid pola UCD en 1979, multimillonario e hoxe presidente da construtora ACS e do Real Madrid), secretario xeral; antigos dirixentes de UCD como o ex–ministro Rafael Arias Salgado, Pilar del Castillo, que acabaría de ministra co PP. Miquel Roca é hoxe o avogado da infanta Cristina no caso Nóos. 

"Recorreron novamente a un catalán, Albert Rivera, para poñer en marcha unha alternativa españolista como Cidadáns, presentada como liberal e de centro, pero que ten como obxectivo fundamental frear o ascenso dos partidos nacionalistas e garantir os gobernos do PP"

A pesar do financiamento por parte dos bancos e das axudas de grandes empresas, o PRD foi un fracaso (194.538 votos, é dicir, o 0,96%) e non tiveron nin un deputado nas eleccións xerais de 1986 porque o PSOE estaba forte e Alianza Popular de Fraga aparecía xa como a alternativa da dereita. Parece ser que non devolveron os 4.000 millóns de pesetas dos préstamos que recibiron para financiar a chamada “Operación Roca” porque foron perdoados ou pagados por empresas amigas.

Nos últimos anos eses mesmos poderes fácticos foron modelando o panorama político para evitar o ascenso da esquerda e a derrota do PP. O PSOE sufría un desgaste importante e a fuga de votos pola esquerda era recollida por Esquerda Unida. Cando as enquisas daban a IU máis de 50 deputados nunhas eleccións xerais, soan as alarmas e comeza unha promoción mediática de persoas, que acabarían formando Podemos. Cando esta alternativa consegue atraer votos do desencanto, de IU, do PSOE e tamén do PP (algunhas enquisas sinalaban en outubro de 2014 que o 17,8% dos votos de Podemos procedían de IU e o 17,6% do PP) soan novamente as alarmas porque o PP tería perdidas unhas eleccións e unha posíbel alternativa de goberno estaría escorada máis á esquerda. Isto explica agora os ataques a Podemos, que baixa en intención de voto.

Recorreron novamente a un catalán, Albert Rivera, para poñer en marcha unha alternativa españolista como Cidadáns, presentada como liberal e de centro, pero que ten como obxectivo fundamental frear o ascenso dos partidos nacionalistas e garantir os gobernos do PPf a nivel de Estado, nas comunidades autónomas e nos concellos. E produciuse o milagre: en poucos meses e coa axuda de importantes medios de comunicación, Cidadáns conseguiu bos resultados en Andalucía.

"Falan de rexeneración, pero están infiltrados por numerosos militantes do PP. O coordinador xeral de Cidadáns en Galiza, Javier Chouza foi concelleiro do PP nese concello de 2007 a 2011".

Cidadáns preséntase como os campións da loita contra a corrupción, pero o ex–numero dous da formación, Jordi Cañas, foi imputado por un delito fiscal. Tivo que deixar o seu escano no Parlament, pero foi recolocado no partido como asesor do eurodeputado Juan Carlos Girauta. Antonio Sánchez, número 22 da lista de Cidadáns na eleccións europeas, está imputado na operación Púnica. Fernando Mut, delegado terriotiral en Valencia, tamén foi imputado no caso Innova.

Moitos candidatos foron nomeados a dedo, mais Albert Rivera dicía: “Podéis sacar pecho por haber hecho primarias y haber sido escogidos por vuestros propios compañeros”. Recolle tránsfugas de moitos partidos, que ven agora en Cidadáns unha oportunidade para facer carreira política. En Galiza non cumpriron os seus estatutos –esixen levar seis meses afiliado para ir nas candidaturas– para dar entrada a quen abandonaron UPyD.

Falan de rexeneración, pero están infiltrados por numerosos militantes do PP. O coordinador xeral de Cidadáns en Galiza, Javier Chouza (fillo de Jesús Chouza, alcalde de Boiro durante 12 anos na ditadura franquista) foi concelleiro do PP nese concello de 2007 a 2011. Antonio García-Plata, coordinador do partido na Coruña participou na candidatura do PP de Cambre en 2011. En Santiago a candidatura para as municipais está encabezada por Javier Sánchez-Agostino, ex–concelleiro do PP entre 2003 e 2011. O coñecido empresario Manuel Viecente González, que foi concelleiro do PP en Cervo, encabeza a candidatura de Burela. Asier Casais, que foi dirixente da Novas Xeración do PP, é o número un por Ribeira.

"Cidadáns recolle hoxe voto desencantado do PP, mais tamén votos de Podemos e do PSOE, e é a mellor garantía para que o PP continúe gobernando".

Preséntanse como os protagonistas dunha nova política, pero as súas receitas son vellas e moi coñecidas. No ámbito económico están por un modelo neoliberal, o mesmo que o PP. Unha parte importante da reforma fiscal de Cidadáns coincide coa impulsada por FAES, fundación do PP, que preside Aznar. Están pola suba do IVE de produtos básicos como o pan e o leite. A legalización da prostitución, como medida recaudatoria, recibe o apoio entusiasta de Esperanza Aguirre. Queren deixar a inmigrantes irregulares fóra da atención sanitaria non urxente.

Cidadáns recolle hoxe voto desencantado do PP, mais tamén votos de Podemos e do PSOE, e é a mellor garantía para que o PP continúe gobernando. Ten un importante apoio mediático e de Francisco Vázquez, que leva tempo promocionando a Albert Rivera (asistiu ao acto de presentación e xa anunciou que votará a Cidadáns nas eleccións xerais) para que o PP manteña a alcaldía da Coruña e Rajoy siga gobernando en Madrid. Se o PP consegue recuperarse, a banca e os grandes empresarios, que son os auténticos valedores deste partido político, deixarán morrer a Cidadáns, que non ten cohesión política porque é a suma de persoas con moi diversa traxectoria, nin implantación social (só presentan 19 candidaturas en Galiza para as municipais), nin estrutura organizativa para resistir unha longa travesía política.

Comentarios