O grupo hip hop presentarao o 11 de maio

'O Ciclo da Serpe' será o terceiro disco de Dios Ke Te Crew

A Xénese (2006) e a Humanose (2011) seguirao O Ciclo da Serpe. O grupo hip hop Dios Ke Te Crew vén de anunciar o seu terceiro disco, oito anos despois do anterior e coa formación reducida a trío.
 

dios ke te crew - vídeo silencio
photo_camera Fotograma de 'Silencio', o novo videoclip da banda hip hop Dios Ke Te Crew. Imaxe: cedida.

“Logo dun período de reflexión e recollemento”, afirma a banda nun comunicado, “condimentado con diversos proxectos discográficos individuais, Dios Ke Te crew publicará un novo traballo discográfico que dará lugar a unha intensa xira de actuacións en directo, onde emerxerá toda a potencia do rap en galego”.

Pero antes, o 11 de maio, O Ciclo da Serpe coñecerá unha versión en directo no “único concerto en salas” de presentación. Será na Sala Capitol de Santiago de Compostela: “Unha cita moi singular cun show irrepetíbel, colaboracións especiais, proxeccións e moito máis”.

Hai uns meses, Dios Ke Te Crew penduraban na Rede o videoclip de Silencio. Foi o regreso sorpresa dun dos grupos de máis éxito popular da música galega na primeira década de século. Con el, o hip hop cantado en galego abriu espazos inéditos.

Silencio, o primeiro avance de O Ciclo da Serpe, é “un alegato contra a Lei Mordaza e a favor da liberdade de expresión”. O vídeo, con guión da banda, diríxeo A. L. Crego. A lírica de Dios Ke Te Crew sempre se caracterizou polo seu contido sociopolítico e, ao que parece, o seu agardado terceiro disco non será excepción.

Comentarios