Día da Patria Galega

A chuvia arroupa en Compostela unha manifestación do BNG "histórica": 20.000 persoas

Miles de persoas anegaron a zona vella da capital galega na mobilización convocada polo Bloque Nacionalista Galego baixo o lema "Galiza, un novo impulso. Soberanía, Traballo, Democracia”. A choiva non desanimou a asistencia á cita. Entre paraugas, bandeiras, faixas e impermeábeis, xentes chegadas de todas as partes confluían na constancia na defensa da Nación galega. “Algo novo está nacendo, algo grande. Empezamos unha nova etapa para o nacionalismo coa vontade clara de liderar Galiza”, dixo Ana Pontón fronte a unha Praza da Quintana a rebordar.

Ana Pontón na Praza da Quintana
photo_camera Ana Pontón na Praza da Quintana

“Aínda que chove o nacionalismo non encolle e menos o Día da Patria Galega”. A afirmación da deputada Olalla Rodil desde o palco a medida que ían entrando na Praza da Quintana as miles de persoas que tomaban parte na manifestación do BNG foi certa. Por volta de 20.000 persoas, segundo fontes da organización, tomaron parte na manifestación do 25 de Xullo deste ano. Unha cifra, dixeron, “histórica” e que desde a fronte complementan con dados doutros ‘termómetros’ para medir asistencia: Fretáronse máis autobuses que nunca desde as comarcas con destino a esta manifestación en Compostela, e houbo récord en reservas para xantar nos espazos dispostos pola organización.

A chuvia, en forma de poalla, babuxa, miluvia ou orballo –que son só algunhas das moitas denominacións no país para a choiva miúda– fixo acto de presenza en Compostela desde primeira hora (“Chove en Santiago / meu doce amor”, escribira Lorca en galego). Mais nin diminuíu afluencia nin diminuíu o ánimo das miles de asistentes. Iso si, e foi algo moi comentado, provocou que a manifestación saíse case puntual e transcorrese a un ritmo máis rápido que o normal: ás 12:30 horas xa entrara a cabeceira da manifestación na Quintana.

Fretáronse máis autobuses ca nunca desde as comarcas con destino a esta manifestación en Compostela, e houbo récord en reservas para xantar nos espazos dispostos pola organización

Música, festa e compromiso

O tronar dos bombos e gaitas do Baixo Miño abriron a manifestación, que arrancou apenas minutos despois das doce da mañá. “Adiante xa co BNG” e “Galiza ceive, poder popular” foron os primeiros lemas en corearse, nunha dinámica que xa non decaería durante todo o percorrido. Unha longa serpe de paraugas e bandeiras (galegas mais tamén esteladas, ikurriñas, LGTBI, palestinianas, saharauís, cubanas, vermellas....) estirábase polo centro da capital galega. “Galiza nación, autodeterminación”, “Avante, en tregua, República galega”, "Independencia", consignas que resoaban en rúas, ruelas e prazas. Algún turista mirou con cara de abraio e preguntou con cautela: “Estos que son, independentistas, también aquí?".

Pasan as faixas reivindicando o galego, a loita feminista, o dereito á soberanía. E tamén, no Día da Patria Galega, pasan as faixas levadas por traballadoras e traballadoras de subcontratas de R que loitan contra a deslocalización, de operarios e operarias de Alcoa ou Ferroatlántica defendendo a industria electrointensiva, de veciñanza de Touro, de Melide ou de Toques defendendo o territorio fronte proxectos de megaminaría ou eólicos. Pasan as faixas e o berro continúa en centos de gorxas: “Que queiran, que non, Galiza é unha nación!”.

“Todos os anos desde hai....”

Hai parellas, como Miguel e Ana, que veñen da comarca de Vigo “todos os anos desde hai... uf, moitos” (e rin). “É un día especial, para reivindicar que somos un pobo e para atoparte con compatriotas de todos os sitios do país que comparten ese sentir contigo”.

Hai grupos de amigos e amigas como no que vén Hadriana, “chegamos onte [polo 24 de xullo] para os concertos e quedamos xa para a mani, que para algúns é a primeira vez”. Hai familias, hai veteranos das manifestacións do 25X desde a década dos 70, hai novatos que asisten a esta mobilización por primeira vez, hai quen volve após anos de ausencia -puideron verse ex dirixentes de Anova como Iolanda Pérez Docampo (número 2 de Ourense Mellor nas eleccións municipais)- e hai quen vén só “porque teño a parienta enferma e ela non podía vir. Eu case tamén quedo na casa, en Narón, máis díxome: vas ti, polos dous”.

Hai grupos de amigos e amigas, hai familias, hai veteranos do 25X desde a década dos 70, hai novatos que asisten a esta mobilización por primeira vez e hai quen volve após anos de ausencia

Xente chegada á capital da Galiza de Vigo a Ribadeo, de Fisterra a Valdeorras, facendo o camiño para ir do Courel a Compostela “por terras liberadas”, como soñaba Uxío Nononeyra.

“O pobo ten o poder”

“People have the power”, de Patti Smith, recibía por megafonía a serpe de paraugas e bandeiras que ía entrando na Quintana. Desde o palco, Olalla Rodil facía de mestra de cerimonias: “Bo Día da Patria a todas!”. A parlamentar de Ribeira de Piquín mostrou o seu orgullo polos “miles que estades aquí para defender o dereito do pobo galego a existir e a defender o seu futuro”.

Saúdas do BNG para a CIG, ASPG, Fruga, Organización de Montes Comunais, Emigrantes retornados (con emotiva lembranza ao recentemente falecido Manolo Domínguez)... Saúdas para as delegacións internacionais: de Occitania, Irlanda, Gales, Euskal Herria, Catalunya, Escocia, Portugal, Canarias, Brasil, Castela, Aragón, Valencia, Mallorca, o Rif... “A solidariedade é a tenrura entre os pobos”, lembrou Rodil citando Gioconda Belli. O ‘aplausómetro’ da Quintana subiu decibelios e tenrura coa mención de Palestina até emocionar o seu representante, Fayed Balawi (FPLP). A praza tamén vibrou co apoio aos presidentes cataláns: “Llibertat presos polítics!”.

Música tradicional (Néboa no Fiouco) e hip hop de combate (Hugo- de Son da Rúa- e Darío) puxeron desde o palco banda sonora á mobilización. Após o rap dos do Condado tomou a apalabra Paulo Ríos, de Galiza Nova: “A mocidade non somos o futuro, somos o presente deste país”, aseverou, para reivindicar a república galega como ferramenta e proxecto que poña fin á situación de “emigración, paro e precariedade” dos mozos e mozas galegas.

Continuaba a poallar sobre a Quintana mais a xente non afrouxaba: “Galiza nación, autodeterminación”. Tomaba a palabra Ana Pontón e unha nena duns sete anos, bandeira galega pintada na cara, dirixíase á súa nai: “Mira, mamá, vai falar Ana”.

Unha nova etapa no BNG

De histórico. Así cualificou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, o Día da Patria Galega de 2019. Desde o palco da Quintana, cun discurso en chave de ilusión e optimismo, anunciou que “algo novo está nacendo, algo grande”. Referíase a unha nova etapa para o nacionalismo. Unha etapa “coa  vontade clara de liderar Galiza” que marcará “un antes e un despois”.

Pontón reivindica un nacionalismo do "século XXI", un proxecto "aberto ao mundo", un movemento "amplo e plural, con vocación de maioría"

Nese novo tempo que a dirixente do BNG reivindicou amosarase, dixo, un nacionalismo do “século XXI”, un proxecto “aberto ao mundo, internacional, conectado, un movemento amplo e plural, de progreso, con vocación de maioría”. “Somos un BNG novo, cunha nova xeración á fronte, cun proxecto renovado e unha proposta de país modernizadora”, salientou a portavoz do Bloque Nacionalista Galego.

Pontón, que cualificou o novo tempo do Bloque como o da “ambición política, da alegría, da confianza e de ofrecer aos galegos e galegas un novo proxecto de país”, apelou a liderar o cambio político que Galiza necesita. “Fronte á alternancia entre partidos estatais que dan continuidade ao maltrato a Galiza”, ofreceu “un novo proxecto de país para a grande maioría”.

A Galiza con futuro e moderna

Nesta liña, a portavoz nacional subliñou a necesidade de dar unha resposta propia e galega ás necesidades da Galiza-entre as que citou o emprego, as infraestruturas ou o financiamento- e aos retos globais -como a transición ecolóxica, o feminismo, a innovación e o coñecemento ou a sociedade da información-. Unha outra “Galiza posíbel” con “capacidade de decisión, que aposta no talento e na innovación, que crea emprego de calidade, que se preocupa por que volvan os mozos e mozas forzados a emigrar”.

Avogou, así, nunha “Galiza que coida o seu territorio e enfronta o desafío do cambio climático”, nunha “Galiza feminista”, nunha “Galiza que mira o mundo desde a súa propia identidade”. “Esta é a Galiza con futuro e moderna que queremos construír.

Unha nación

Pontón afirmou na súa intervención que as galegas e galegos “existimos en favor do noso pobo e contra ningún outro, por un mundo mellor desde nós”. Fronte a isto sitiou o españolismo, “eles son os que crean fronteiras, os que fechan fronteiras aos que veñen de fóra, os que usan a súa bandeira para excluír”. “Hai quen, desde a comodidade do seu Estado recoñecido, fala dunha cidadanía universal, mais se non sabes quen es e de onde vés, estás errante no mundo”, advertiu. Foi entón cando apostou en afianzar “a nosa identidade”. “Máis Galiza é o que necesitamos”.

Pontón erixe o BNG como "unha forza política solvente, rigorosa e con proxecto de país, con propostas actuais, modernas e avanzadas, que responden ás necesidades do noso tempo"

Entre aplausos, a dirixente do Bloque Nacionalista Galego exixiu o dereito dos pobos a decidiren o seu futuro e reivindicou a formación frontista como “unha forza política solvente, rigorosa e con proxecto de país, con propostas actuais, modernas e avanzadas, que responden ás necesidades do noso tempo”. “Traballemos con ambición e con apertura para facer cristalizar o sentimento de identidade que existe no pobo galego. Ese sentimento existe e é maioritario. Concentremos todo o noso traballo e enerxías en que se traduza politicamente”, agregou.

No discurso houbo espazo para a situación que sofre Galiza no Congreso. Cargou contra as forzas que condenan Galiza “á irrelevancia política”. “Vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros ….pelexan polo seu e Galiza están missing na política estatal”, denunciou. Responsabilizou PP, PSOE e Podemos por non defender os intereses da nación.

“Somos imparábeis”. Así concluíu Ana Pontón o seu discurso, antes de dar paso ao “Viva Galiza Ceibe”, que resoou entre os muros da Quintana. O Himno Nacional puxo o broche á mobilización “histórica”.

Comentarios