Chus Pato, autora do ano nos premios 'Irmandade do libro'

A Federación de librarías de Galicia entregou os seus premios 'Irmandade do libro' demandando "esforzos" á Administración na defensa do sector. 

unnamed
photo_camera [Imaxe: FLG]

A XXIII edición dos premios que anualmente entrega a Federación de librarías de Galicia tivo lugar desta volta en Rianxo. A vila de Castelao acolleu a cerimonia de entrega que contou coa presenza, entre outras persoas, do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e do propio alcalde, Adolfo Muíños. 

Nesta ocasión, os galardóns 'Irmandade do libro' foron para Chus Pato, como autora e Ulises de James Joyce (Editorial Galaxia) como libro do ano 2013. Nas demais categorías trunfaron a triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros como obra infantil e xuvenil e a Libraría Ramón Cabanillas que recibiu o recoñecemento da Federación nesta ocasión. 

Pola súa banda, a Biblioteca Pública Valle Inclán de Redondela recibíu o galardón polo seu fomento da leitura. O premio Irmadade do libro á mellor colección do 2013 recolleuno a Colección Cociña infantil e familiar da Editorial Ouvirmos. En relación aos centros de ensino, a Federación premiou o CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal. 

Os premios concedidos, explican desde a Federación, visan recoñecer "a todos os que cren que traballar polas ideas, pola lingua, pola cultura é unha excelente achega para o desenvolvemento integral da nosa sociedade" polo que animaron a todo o sector a "non fechar os ollos" malia a situación económica e continuar traballando a prol do "libro e a leitura" como "ferramentas imprescindíbeis de progreso". 

Defender o sector

Neste senso, desde a Federación de librarías lanzaron un chamado á Administración pública para manter "o esforzo económico e formativo" en defensa dun sector ferido pola crise. Aliás, a súa presidenta, Pilar Rodríguez, reivindicou "a importancia dos libros de texto" e advertiu que "a súa substitución por libros dixitais" constitúe "un duro golpe" para as librarías. 

Na gala de entrega dos premios a Federación anunciou que en 2014 percorrerán toda Galiza con 12 feiras do libro novo e 6 de libro antigo que encetarán en Compostela o 26 de abril e rematarán en Ourense. 

Comentarios