Chiscadela de Trump ao supremacismo branco no primeiro dos debates electorais

Foi un debate "caótico", segundo a maioría das análises, onde Biden se contaxiou do estilo dun Trump que implicitamente apoiou os grupos de extrema dereita e explicitamente dixo que se está a cometer unha "fraude" co voto por correo. A elección do presidente dos EUA podería estenderse máis alá do 3 de novembro.
EuropaPress_3348100_imagen_grupo_personas_asistiendo_debate_electoral_presidente_estados_unidos (1)
photo_camera Varias persoas asisten nun bar de Austin, capital de Texas, ao primeiro debate entre Trump e Biden (Bob Daemmrich / Zuma Press)

Foi na parte do debate ─que a maioría dos medios coincidiron en cualificar de "caótico"─ en que se tratou o tema do racismo nos Estados Unidos cando chegou o momento máis polémico da noite. O moderador, Chris Wallace, pediulle a Donald Trump unha condena das milicias de supremacistas brancos, moi activas durante as manifestacións contra a violencia policial, habitualmente portando armas de fogo. Nomeadamente, o presentador de Fox News Sunday suxeriulle que pedise a este grupos que "se retirasen".

"Déame un nome", contestou Trump, ao que Joe Biden contestou "Proud Boys". É esta unha organización que se autodefine como "chauvinista Occidental" e que a Liga Antidifamación (ADL, polas súas siglas en inglés), ONG estadounidense que monitoriza grupos extremistas, define ─entre outras características─ como violenta, islamofóbica, transfóbica e misóxina.

Trump dixo entón: "Proud Boys, dade un paso atrás e mantédevos alerta, mais direille [dirixíndose a Biden] que alguén ten que facer algo sobre os antifa e a esquerda, porque este non é un problema da dereita. É un problema da esquerda". Antifa é un grupo heteroxéneo de organizacións anarquistas e de esquerda radical, que tamén estivo moi activo durante as recentes protestas no país.

Proud Boys colle a luva

As reaccións foron contundentes tanto nos medios como nas redes sociais. Jonathan Greenblatt, presidente da ADL, escribiu no Twitter que o "presidente dos Estados Unidos lle debe unha desculpa ou unha explicación". Van Jones, comentarista no debate da CNN, considerou que Trump fixera "unha chiscadela" a "unha organización racista, nazi e asasina, que agora o está celebrando online". Tanto Greenblatt como Jones ocuparon cargos no Goberno de Barack Obama.

A aseveración de Van Jones era certa. Segundo comprobou a NBC, na conta de Telegram de Proud Boys había varias entradas celebrando as palabras de Donald Trump. Consultada por esta canle de TV, a profesora en computación na Universidade Elon de Carolina do Norte e experta en seguimento online de grupos extremistas, Megan Squire, sinalou que "xa eran seguidores de Trump antes deste recoñecemento público, e agora están tocando o ceo coas mans". "A súa fantasía é loitar contra os Antifa na defensa del [de Trump], e el aparentemente acáballes de pedir que fagan xusto iso".

Voto por correo

Mais foi na parte final do debate ─o primeiro de tres entre os dous candidatos, o republicano Donald Trump, que aspira á reelección, e o demócrata, Joe Biden, que chegaba con seis puntos de vantaxe nas enquisas a nivel nacional─ que chegou o momento máis alarmante da noite. O actual presidente volveu pór en cuestión o proceso electoral, nomeadamente o voto por correo, e deixou no aire a posibilidade de non recoñecer os resultados inmediatamente. 

O moderador preguntou por este último tema e pola posibilidade de facer unha chamada aos seguidores de ambos os dous candidatos a gardaren a calma no período postelectoral. Que farían cada un? Biden declarou que respectaría o resultado e animou a votar tanto de forma presencial como por correo. Ademais, sinalou que Trump "simplemente ten medo de contar os votos" e por iso están a pór en dúbida o proceso e "tentando asustar a xente con que non vai ser lexítimo".

Para Trump "vai ser unha fraude como nunca antes se viu", facendo referencia concreta ao voto por correo. "Se vexo que ducias de miles de papeletas están a ser manipuladas, non o podo aceptar". O candidato republicano criticou especificamente que os Estados xa tivesen comezado o envío automático de papeletas a todos os votantes.

Porque nestes comicios presidenciais do 3 de novembro, marcados pola pandemia e polos temores ao contaxio, o número de cidadáns que están a solicitar o voto por correo vai en aumento. Calcúlase que alcanzará un récord de 80 millóns de sufraxios. 

Unha situación que provocará con case toda seguridade que o presidente para os próximos catro anos non se coñecerá nin nese 3 de novembro nin nos días inmediatamente posteriores.

Dous debates máis e un outro, a semana que vén, entre os candidatos á Vicepresidencia

Os insultos, as descualificacións e os ataques persoais caracterizaron o primeiro cara a cara electoral nos EUA. Biden, segundo os analistas, saíu mellor parado, mais contaxiouse do característico estilo de 'abusón' do presidente. Haberá dous debates máis, que neste país son obrigatorios e organizados desde 1987 por unha comisión de expertos independentes. 

A este cara a cara seguirán un o 15 de outubro ─dirixido por Steve Scully, editor político de C-SPAN─ e un terceiro, o 22 de outubro, onde debutará como moderadora Kristen Welker, a correspondente de NBC News para a Casa Branca. 

Mais antes deses dous haberá un outro: será o 7 de outubro, cos candidatos á Vicepresidencia Mike Pence ─republicano─ e Kamala Harris ─demócrata─ como protagonistas. 

Comentarios