Opinión

O chiringuito mineiro

A palabra castelá “chiringuito” significa pequeno establecemento, máis ou menos provisional, cuxo fin é facer un negocio. Adoita empregarse este termo na política española con semellante significado, para subtraer diñeiro público. 

A palabra castelá “chiringuito” significa pequeno establecemento, máis ou menos provisional, cuxo fin é facer un negocio. Adoita empregarse este termo na política española con semellante significado, para subtraer diñeiro público. O exemplo sangrante máis recente na Galiza é o chiringuito leiteiro promovido pola Xunta, co nome de Alimentos Lácteos e dirixido por “persoal amigo”, e que actualmente se encontra en concurso de acredores: durou 3 anos, recibiu 9 millóns de euros en axudas públicas e acumulou 16 millóns de euros en débedas. Pois ben, debullaranse aquí datos que sustentan a sospeita da existencia dun novo chiringuito promovido pola Xunta, o chiringuito mineiro.

"53.608,80 € de subvención directa, si, para a Cámara Oficial Mineira de Galicia, pola redacción do PSAEG da Xunta. Este plano ten 111 páxinas, o que supón un desembolso de 1.384 € por páxina"

No Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro atopamos o anuncio da Consellaría de Economía e Industria que inclúe dúas partidas orzamentarias para a Cámara Oficial Mineira de Galicia:

    -40.000 € para o mantemento do censo catastral mineiro.
    -42.501 € para o desenvolvemento de actuacións de interese xeral para o sector mineiro de Galicia.

Aínda sen tomar en consideración a correspondencia entre as contías e os servizos nestes dous convenios, de difícil xustificación, isto tráenos á memoria outra información descuberta en xuño pola Sociedade Galega de Historia Natural durante a preparación das alegacións ao Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (PSAEG):

    -153.608,80 € de subvención directa, si, para a Cámara Oficial Mineira de Galicia, pola redacción do PSAEG da Xunta. Este plano ten 111 páxinas, o que supón un desembolso de 1.384 € por páxina, e iso que contén eivas e erros clamorosos como se describe no mesmo documento da SGHN. Ademais da suposta fraude económica, a Cámara Mineira (a cal ten como obxectivo “fomentar o desenvolvemento da minaría, así como representar, defender e promover os intereses dos socios”) convértese en xuíz e parte neste polémico proceso, que pretende deixar cidadanía e medio natural desprotexidos ante os intereses económicos de mineiras e redes clientelares.

Tamén en xuño:

    -100.000 € de novo para a Cámara Oficial Mineira de Galicia, achegados pola D. X. de Innovación, “para equipamentos técnicos e informáticos”.

"Estamos a falar de millóns de euros todos os meses só en satisfacer os custes das concesións que ocupan a metade do territorio galego".

E outra vez en xuño, saían á luz as estrambóticas “Subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento do sector mineiro galego”:

    -300.000 € que aínda non teñen destinatario, pero non hai que ser grande analista para prever que a inefable Cámara Mineira cobrará a súa ración do pastel. Hai que ter en conta que esta partida foi literalmente “roubada” á aplicación orzamentaria de familias e entidades sen ánimo de lucro, o cal a fai máis grotesca. E por se fora pouco, xa detraeran 800.000 € no verán de 2012 do mesmo xeito.

Mais non só da Cámara Mineira vive o chiringuito. Ese día 22 foi moi movido e tamén se publicou no BOE que Incremento Grupo Inversor, S.L., que recibira varias concesións mineiras galegas e millóns de euros en subvencións nos últimos anos (máis de 2 en 20109), se declarou insolvente. Incrible. Habería que engadir os irregulares 350.000 € recibidos pola polémica mineira do proxecto falido de Corcoesto no último bienio (Mineira de Corcoesto, pantalla da canadiana Edgewater, que chegou fichar o presidente da Cámara Mineira). E toda esta información sen ir máis de dous anos atrás no hemeroteca! Isto é o que pode indagar calquera cidadá desde a súa casa, o que non haberá... Estamos a falar de millóns de euros todos os meses só en satisfacer os custes das concesións que ocupan a metade do territorio galego. E estamos a falar dun sector dos que máis capital transnacional move, só en especulación.

Comentarios