Cambio de garda e de modelo en China

Tempos de cambio en China. A grande factoría do planeta dá síntomas de esgotamento. O novo liderado colectivo ao fronte do Partido Comunista aposta en pasar do Made in China ao Created by China. A man de obra abundante e barata xa non garante o crecimento exponencial do PIB. O investimento en tecnoloxía avanzada e en actividades de alto valor engadido é o horizonte. Un informe do Igadi, ao que tivo acceso Sermos Galiza, dá as chaves da mudanza.
China
photo_camera Hu Jintao, á esquerda na imaxe, e Xi Jinping

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que dirixe Xulio Ríos, acaba de editar unha nova entrega do IgadiPaper sob o título de China ultima o gran salto: adiante?, un traballo en que se analisa o que está a acontecer no xigante asiático.

Xulio Ríos acaba de voltar de China. Alí acompañou o desenvolvimento das reunións da Asemblea Popular Nacional que, entre os días 3 e 17 de Marzo pasado, confirmou os cambios na cúpula de poder do Estado; mudanzas que foron previamente aprobadas no Congreso do Partido Comunista de China realizado en Novembro. A APN designou Xi Jinping como novo presidente da República Popular China.

O país non só está a viver a pasaxe á reserva de Hu Jintao, presidente os últimos 10 anos, e o seu relevo por Xi Jinping, mas tamén anda a madurar a aceleración de reformas económicas que visan preparar o país para un cambio de modelo. Jinping ten un perfil máis político que Jintao -caracterízase pola súa boa relación cos distintos segmentos do partido-, o que o dota de máis recursos para impulsionar mudanzas, sempre, iso si, dentro da ortodoxia estabelecida por Deng Xiaoping en 1978. Isto é: a economía pode reformarse a condición de os seus resortes continuaren en mans do partido comunista e de o Estado manter o control dos sectores estratéxicos (transportes, enerxía, banca, telecomunicacións...).

Enormes desigualdades territoriais e sociais

China é un país-continente de enormes paradoxos. É a segunda potencia económica do mundo en PIB, mas no Índice do Desenvolvemento Humano ocupa a posición 101, o que nos indica que estamos ante un país que é a vez vangarda e terceiro mundo. As enormes desigualdades territoriais e sociais son insustentábeis e o pior é que veñen acompañadas dunha corrupción rampante nos órgaos políticos e económicos do Estado, deslexitimando o poder do Partido Comunista aos ollos do pobo. O Goberno é consciente de que ou vence no combate contra as desigualdades e a corrupción ou está en xogo a propia pervivencia da República Popular fundada en 1949 após a vitoria dos comunistas de Mao Zedong face o Kuomintang de Chiang Kai-shek.

China é un país-continente de enormes paradoxos. É a segunda potencia do mundo en PIB, mas no Índice do Desenvolvemento Humano ocupa a posición 101

A axenda dos cambios é inadiábel. Beijing quer depender menos das exportacións -lastradas pola crise do capitalismo global- e potenciar o mercado interior. E como? Pois incrementando a participación dos salarios na renda nacional. Por vez primeira aparece como obxectivo gubernamental non só o incremento do PIB, mas tamén o aumento do ingreso per cápita. Os desafíos son enormes. China quer duplicar o tamaño da súa economía en 10 anos (de 2010 a 2020) e, á vez, no mesmo período quer multiplicar tamén por dous a renda disponíbel per cápita.

Alén de incrementar os salarios, China recorerrá a unha política orzamentaria expansiva para financiar o alargamento dos servizos sociais, nomeadamente o sistema sanitario. O propósito é que @s cidadáns se animen a consumir e reduzan a taxa de aforro (se se aumentar a rede pública social menos razón hai a terlle medo ao futuro, menos razón hai para aforrar todo o excedente. Esa é a idea das autoridades, xusto nun momento en que en Occidente se está indo en sentido contrario, desartellando o Estado de Benestar).

As reformas que apadriña a nova equipa de dirección liderada por Jinping visan un menor intervencionismo estatal na economía e unha maior descentralización administrativa. A ideia de fondo é que o Estado se afaste progresivamente "da xestión empresarial" directa nos sectores estratéxicos da economía, esclarece o IgadiPaper. Significa isto a entrega do núcleo duro da economía ao capitalismo privado? En China sempre é arriscado facer prognósticos. A planificación sempre é a muito longo prazo. A impresión xeral é que o Partido Comunista está disposto a abrir algo a man, mas sen ceder o poder económico. Unha cousa é non xerir as empresas desde os ministerios, outra cousa moi distinta é deixar de as tutelar e de as controlar a distancia.

Beijing quer depender menos das exportacións e potenciar o mercado interno, daí que aposte en incrementar o poder de compra das clases populares

O probábel é que a última palabra sobre o desenvolvimento dos sectores estratéxicos continuará en mans do Estado. No plano económico, China manterase nunha hibridación entre o sedicente "socialismo con características chinesas" e o capitalismo de Estado (as grandes empresas continuarán a ser as estatais). No plano político, nada sustancial mudará, para alén de se intensificaren as tendencias nacionalistas no seo do partido gobernante. A tese básica na cúpula do poder é que perder o control da economía sería tanto como se arriscar a que China desandase o andado e voltase a ser a colonia de Occidente que foi antes do trunfo da Revolución. Se algo une ás distintas correntes do partido é a defensa da soberanía nacional e a vontade de ver a China resarcirse das humillacións ás que foi submetida durante séculos polos poderes estranxeiros.

Comentarios